A Xunta habilita unha embarcación para atravesar o Miño entre A Guarda e Caminha que dará servizo a veciños, turistas e peregrinos do Camiño da Costa

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, salientou que este novo servizo, Xacobeo Transfer, potencia o Camiño Portugués pola Costa xa que permite aos peregrinos atravesar directamente desde Caminha a A Guarda

Turistas e peregrinos contarán xa nesta Semana Santa cun servizo de transporte de dúas embarcacións, unha delas eléctrica, e a partir de xullo vaise habilitar un barco exclusivo para este servizo de propulsión eléctrica con capacidade para 12 viaxeiros que conectará os dous peiraos

O novo servizo xogará a favor da afluencia turística nunha Semana Santa na que as expectativas ofrecen cifras similares ás da prepandemia

Alfonso Rueda indicou que o Camiño é “un nexo de unión entre Galicia e o norte de Portugal que crea riqueza e emprego ás dúas marxes do río Miño”
 

A Guarda, 9 de abril de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, coñeceu hoxe o proxecto Xacobeo Transfer, un novo servizo de turismo náutico sostible habilitado no Baixo Miño para conectar a localidade galega da Guarda coa localidade portuguesa de Caminha e do que poderán beneficiarse tanto os veciños como os turistas e peregrinos do Camiño Portugués da Costa.
Desde hoxe, os peregrinos que queiran cruzar desde Caminha a A Guarda dispoñen de dúas embarcacións, unha delas eléctrica, que une os dous peiraos. O novo servizo facilita e promove o Camiño de Santiago seguindo o itinerario que parte do Porto e pasa por Esposende, Viana do Castelo e Camiña e que entra en Galicia pola Guarda, pasando por Baiona e Vigo ata unirse co Camiño Portugués en Redondela.
O vicepresidente primeiro subliñou que supón tamén un atractivo para o turismo en xeral e un novo servizo para os veciños a un e outro lado do Miño. “O Camiño é un nexo de unión entre Galicia e o norte de Portugal que crea riqueza e emprego”, dixo Rueda en relación aos proxectos conxuntos que Galicia e o norte de Portugal levan artellando dende hai décadas en beneficio da súa veciñanza.
O novo servizo reforzarase a partir do mes de xullo coa habilitación dun barco propio e exclusivo de propulsión eléctrica con viaxes regulares nos dous sentidos. Esta actividade levarase a cabo a través do convenio asinado entre Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+) que se fará cargo do transporte.
O proxecto de turismo náutico complétase con melloras no peirao da Guarda e coa sinalización da ruta xacobea e dos servizos complementarios habilitados na zona no marco dun plan de potenciación do Baixo Miño que inclúe tamén rutas de sendeirismo e itinerarios pola zona con medios de transporte sustentables.
Alfonso Rueda manifestou a súa satisfacción pola posta en marcha dun proxecto que era prioritario para o Goberno galego que, no marco do Xacobeo, traballa na potenciación do Camiño e que quere poñer en valor a variante do Camiño Portugués pola Costa, unha ruta chea de atractivos que nos últimos tempos non deixa de medrar e que no que vai de ano supera xa os 700 peregrinos que recolleron a súa Compostela.
O vicepresidente primeiro destacou o feito de que este novo servizo bote a andar coincidindo coa entrada nunha Semana Santa cunhas previsións moi favorables para a ocupación turística en Galicia. Estas expectativas vanse ver reforzadas co proxecto de turismo náutico que favorecerá, sobre todo, a promoción do Baixo Miño. “As previsións son moi boas e poderían acadarse cifras semellantes ás da prepandemia ou incluso mellores, case históricas”, asegurou Alfonso Rueda.
 

Imaxes relacionadas