O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentan estas novas ensinanzas

A Xunta impulsará o vindeiro curso un novo ciclo de FP básica dual de cociña e restauración en Sanxenxo para favorecer a empregabilidade da mocidade

A parte teórica impartirase no instituto de Vilalonga, mentres que o Concello adaptará espazos do antigo colexio O Cruceiro para situar neles os talleres

O Consorcio e Empresarios Turísticos de Sanxenxo asume o compromiso de acoller o alumnado para a súa formación dual

Román Rodríguez destaca a inserción laboral da Dual, de case o 100%, e destaca que o proxecto avanza nos obxectivos da Estratexia FP Galicia 2030 de afondar nesta modalidade e nos ciclos básicos como ferramenta contra o abandono escolar

Nava Castro destaca a importancia da formación e profesionalización na hostalería para contar cun sector turístico de excelencia
 

Sanxenxo (Pontevedra), 9 de abril de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron hoxe en Sanxenxo o novo ciclo de Formación Profesional Básica de Cociña e Restauración que a Xunta de Galicia vai implantar o vindeiro curso 2022/23 no instituto IES de Vilalonga, e que se desenvolverá na modalidade Dual no seu segundo curso. Na presentación tamén participaron o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez Cacheda.

O titular do departamento educativo do Goberno galego sinalou esta nova oferta formativa como “unha oportunidade para favorecer a empregabilidade do alumnado da zona”. “Non en balde –lembrou– a FP Dual ten unha inserción laboral de case o 97%, é dicir, case total, grazas á súa estreita relación co tecido produtivo”.

O conselleiro destacou tamén que este ciclo afonda nos obxectivos da Estratexia de FP Galicia 2030, que inclúen o fortalecemento da Formación Profesional Básica, en especial na modalidade Dual, como ferramenta para a loita contra o abandono escolar, que rexistrou en Galicia en 2021 a súa taxa máis baixa desde que existen rexistros, un 8,1%.

Así mesmo, Román Rodríguez quixo agradecer a colaboración tanto do Concello de Sanxenxo como do Consorcio e Empresarios Turísticos de Sanxenxo para sacar adiante este proxecto. “O futuro da FP pasa porque os sectores produtivos e as diferentes administración unamos forzas en prol dunha formación innovadora, que ofreza unha altísima cualificación, moi apegada á realidade laboral, e con altas perspectivas de inserción laboral”, afirmou.

Pola súa parte, Nava Castro destacou que o Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023 constata a formación como un eixo de actuación primordial para a modernización da hostalería, non só polo peso que esta ten como sector estratéxico para a economía, senón porque “estamos nun momento de cambio de paradigma turístico no que a innovación e a excelencia, que veñen da man da profesionalización do capital humano, son cruciais para avanzar nun sector máis moderno, rendible e competitivo, que sexa quen de ofrecer a mellor imaxe de Galicia”.

Familia profesional moi demandada

O ciclo básico de Cociña e Restauración desenvolverase en dous cursos, con 2.000 horas de formación, e céntrase nunha familia profesional con gran demanda na zona. Polo tanto, estas ensinanzas van contribuír a complementar a oferta que se imparte en centros como o Carlos Oroza (Pontevedra), xerando 20 prazas novas.

A parte teórica impartirase no instituto IES de Vilalonga, mentres que a formación en talleres se desenvolverá nas instalacións do antigo colexio CEIP O Cruceiro, de Vilalonga, que quedaron baleiras tras a construción dun novo CEIP en Sanxenxo. Será o Concello o que se encargue de realizar a adaptación dos espazos co obxectivo de que poidan acoller os talleres do novo ciclo.

Pola súa banda, o Consorcio e Empresarios Turísticos de Sanxenxo asumiu o compromiso de acoller o alumnado para a súa formación dual nas diferentes empresas asociadas.

Imaxes relacionadas