A Xunta rematará este mes os traballos da estrutura do bloque cirúrxico e de urxencias do hospital público Gran Montecelo de Pontevedra

Esta estrutura inclúe 11 quirófanos, as unidades de radioterapia ou as áreas de urxencias e rehabilitación

Tamén comezou a montaxe da fachada e ao longo deste mes iniciarase a colocación da cuberta

A obra desa estrutura supuxo a execución de 15.000 m2 de forxado, 560 toneladas de aceiro e 6.450 m3 de formigón

A Xunta continúa avanzando nas obras do Hospital Público Gran Montecelo que nesta 1ª fase supón un investimento de máis de 130 M€

As instalacións constan dun edificio dianteiro para consultas externas, outro traseiro para urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios e un terceiro bloque que se corresponde coa zona de hospitalización
 

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2022

A Xunta prevé rematar este mes os traballos da estrutura do bloque cirúrxico e de urxencias do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra.

Esta estrutura correspóndese coa zona de edificación de maior exixencia técnica, pois inclúe os 11 quirófanos do terceiro andar; as unidades de radioterapia, bioquímica, microbioloxía e anatomía patolóxica, no andar 0; e á área de urxencias e rehabilitación, no primeiro andar.

De xeito paralelo á finalización desta estrutura, xa comezaron as montaxes de fachada e os traballos no interior. En concreto, estase procedendo á colocación do pavimento de terrazo e ao inicio da montaxe da fachada e das primeiras instalación.

No marco da planificación prevista, en abril tamén se iniciarán os traballos da cuberta do edificio, que xunto coa finalización da estrutura, xa amosarán o deseño vangardista e eficiente das futuras instalacións.

En canto aos medios dispostos para acometer a citada estrutura, cómpre precisar a mobilización de 15.028 metros cadrados de forxado, 560 toneladas de aceiro, 6.450 metros cúbicos de formigón e 28 unidades de formigonado de lousas.

Hospital Público Gran Montecelo

O Goberno galego continúa progresando nas obras do Hospital Público Gran Montecelo, cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros. No seu conxunto, o Goberno galego investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e a súa área dun hospital de referencia.

As obras en execución consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.

As instalacións constan dun edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas para os servizos de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro para as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

Imaxes relacionadas