A Xunta adxudica por máis de 270.000 a construción das sendas de Soesto e de Serantes no concello de Laxe

Executaranse en total algo máis de 1,3 quilómetros de itinerarios peonís ao longo da antiga traza da AC-433, co obxectivo de facilitar os desprazamentos a pé dos veciños e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible nestes núcleos

As obras comezarán na primavera e terán un prazo de execución de 8 meses
 

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por 270.586 euros a construción das sendas de Soesto e de Serantes, na antiga traza da estrada autonómica AC-433, no concello de Laxe.

Esta nova intervención busca facilitar os desprazamentos a pé dos veciños e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible nestes núcleos, para o que se executarán algo máis de 1,3 quilómetros de sendas ao longo da estrada AC-433.

As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Ponciano Nieto, S.L., iniciaranse nesta primavera, e contan cun prazo de execución de 8 meses. En paralelo ao proceso de adxudicación tramitouse a expropiación dos terreos, realizándose o levantamento de actas de ocupación o pasado 7 de marzo, e fixada a formalización das actas de ocupación para o vindeiro 23 de maio.

Os novos itinerarios

Os novos itinerarios terán un ancho que oscilará entre os 1,50 e os 2 metros e construiranse en formigón coloreado, para facelos máis visibles, e de cor terrizo natural, para unha mellor integración na contorna.

A senda do núcleo de Soesto executarase pola marxe esquerda da AC-433 e ten como obxectivo conectar os lugares do Rueiro e Castrelo. Construirase un itinerario de preto de 600 metros de lonxitude, do punto quilométrico 10+240 ao 10+821, o treito máis urbanizado e, tamén, o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto.

No caso de Serantes, a senda executarase ao longo de algo máis de 700 metros de lonxitude pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Neste caso, o itinerario discorrerá pola marxe dereita da vía, entre os puntos quilométricos 11+390 ao 12+112, para favorecer a conexión coa igrexa de Santa María de Serantes e o cemiterio.

A Xunta incluirá no proxecto a recolocación de toda a sinalización e das defensas existentes. Na zona de Serantes prevense novas defensas que consisten na colocación de 454 metros de varanda metálica galvanizada e 14 balizas cilíndrica flexible tipo, con bandas retroreflectoras.

Plan de sendas de Bergantiños

Estas dúas novas intervencións en Laxe súmanse á senda peonil e ciclista que conecta a vila e o paseo marítimo, xa en servizo, cun investimento da Xunta de 330.000 €. Con ese itinerario conéctase a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila.

As novas sendas súmanse aos 7 itinerarios, 6 xa en servizo, no marco da primeira fase do Plan de sendas da comarca de Bergantiños. En total, a Xunta impulsou a execución de 11 quilómetros de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de preto de 5 M€, cofinanciado con fondos FEDER 2014/2020.

A Xunta continúa impulsando a execución de novos itinerarios na comarca de Bergantiños para favorecer os desprazamentos cotiáns a pé dos veciños.