As obras dos novos puntos de transvase para a materia orgánica nas plantas de Lugo, Narón, Silleda, San Cibrao das viñas, Vigo, O Porriño e A Rúa comezarán antes de verán

Sogama vén de adxudicar por un importe global de máis de 2,3 M€ os contratos polos que se instalará unha tolva específica para o transvase da fracción orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón nas sete instalacións

Estas infraestruturas forman parte da rede deseñada pola Xunta coa que pretende que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia
 

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2022

Sogama prevé que as obras dos novos puntos de transvase para a materia orgánica contida nos residuos urbanos (Forsu) nas plantas de Lugo, Narón, Silleda, San Cibrao das Viñas, Vigo, O Porriño e A Rúa poderán comezar antes deste mesmo verán.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través de Sogama, vén de formalizar os contratos —en cinco lotes distintos— destas actuacións nas sete plantas por un importe global de 2.329.182 euros. O obxectivo é mellorar a rede galega de infraestruturas para posibilitar a valorización da materia orgánica mediante a súa conversión en compost.

O primeiro lote suma ás plantas de transferencia de Lugo e Narón; o segundo, ás de Silleda e San Cibrao das Viñas; o terceiro corresponde á planta de Vigo; o cuarto, á do Porriño; e o quinto, á planta de transferencia da Rúa.

No seguinte cadro resúmense os datos relativos a cada lote do procedemento, xa publicado na plataforma de contratos públicos.

 

Nº Lote
Plantas de transferencia
Prazo execución obras
Importe de adxudicación

Lote 1

Lugo e Narón

10 semanas

438.936,80 €

Lote 2

Silleda e San Cibrao das Viñas

10 semanas

330.620,40 €

Lote 3

Vigo

14 semanas

311.121,25 €

Lote 4

O Porriño

16 semanas

662.838 €

Lote 5

A Rúa

16 semanas

585.640 €

Lote 5 A Rúa 16 semanas 585.640 €
As plantas terán unha maior eficiencia e capacidade, estando preparadas para transvasar, ademais do residuo convencional (bolsa negra), o procedente do contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e do marrón (materia orgánica).

A adaptación destas sete plantas complementarase coa construción de cinco plantas máis, que virán substituír a outras tantas microplantas, localizadas en Curtis, Ponteceso, Riotorto, A Lama e Arbo. Ademais, levantarase unha sexta nova planta de transferencia no polígono industrial de Cee, que virá a substituír á que está a operar no Monte do Son.

Polo tanto, a adaptación das sete plantas complementarase coa construción destas seis que, sumadas ás catro de biorresiduos —Cerceda, Cervo, Vilanova de Arousa e Verín—, fan un total de 17 instalacións que conformarán a rede galega.

Dado que as entidades locais, conforme á normativa europea, teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida selectiva do contedor marrón e, malia que se trata dunha competencia municipal, a Xunta axudaralles a dar debido cumprimento ás súas obrigas legais e porá á súa disposición esta rede de instalacións.

O seu obxectivo é que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama —295 en total, que aglutinan a unha poboación de máis de 2,24 millóns de habitantes— dispoñan dunha planta de biorresiduos, ou de transferencia, a menos de 50 quilómetros de distancia.

A Xunta traballa para que esta infraestrutura, na que se invisten preto de 40 millóns de euros e que conta con recursos dos fondos Feder como resposta da Unión Europea á crise da covid-19, estea operativa a finais de 2022.

 


 

Imaxes relacionadas