A Xunta recibe a unha delegación de Cabo Verde encabezada polo expresidente Pedro Pires

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibiu hoxe ao expresidente de Cabo Verde, Pedro Pires, nun encontro enmarcado nas relacións de amizade e de cooperación entre Galicia e Cabo Verde

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibiu hoxe a unha delegación de Cabo Verde encabezada polo expresidente do país africano, Pedro Verona Rodrigues Pires, e que estivo acompañada por representantes do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

Pedro Pires, foi presidente da República de Cabo Verde entre 2001 a 2011, e na actualidade preside a Fundação Amilcar Cabral e o Instituto Pedro Pires para a Liderança. Foi destacado o seu papel como líder das negociacións que conduciron á independencia do seu país en 1975, así como o seu apoio ás loitas de liberación que conduciron á independencia dos pobos do Zimbabué e da Namibia e á abolición do réxime do Apartheid na África do Sul.

No encontro institucional mantido esta mañá profundouse nos lazos de amizade e colaboración que unen a Galicia con Cabo Verde, que se viron fortalecidas pola sinatura dun Memorando de Entendemento en 2016 no que se recollen como principais ámbitos de cooperación a pesca, o turismo, o desenvolvemento sustentable e medio ambiente, a educación e a cooperación descentralizada.

Cabo Verde ten sido considerado como país prioritario da Cooperación Galega nos catro Planes Directores executados ata o momento, destacando as actuacións levadas a cabo no ámbito do desenvolvemento marítimo pesqueiro así como proxectos de investigación para o desenvolvemento promovidos polas Universidades da Coruña e Vigo.

Imaxes relacionadas