A Xunta pon en marcha unha nova campaña informativa sobre a tarifa eléctrica en colaboración con concellos de toda Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe no Grove nunha charla dentro deste programa que ten previstas xa visitas a unha trintena de municipios e que está a disposición de todas as entidades locais que o soliciten

O Grove (Pontevedra), 8 de abril de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta tarde no Grove nunha charla informativa sobre a factura da luz, dentro da nova campaña informativa impulsada pola Xunta de Galicia para asesorar e aconsellar en relación a este servizo básico que afecta a toda a cidadanía, que ten previstas xa visitas a unha trintena de municipios.

Co ánimo de achegar esta información ao maior número de persoas consumidoras posible, a Administración autonómica ofrece a todos os concellos galegos a oportunidade de colaborar con esta iniciativa e ofrecer aos seus veciños unha xornada informativa presencial impartida polos técnicos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC).

Nestes encontros, achégase asesoramento sobre os conceptos básicos que figuran na factura da luz para a súa mellor comprensión, así como para a adopción de decisións que poidan axudar no aforro. Así mesmo, trasládanse diferentes recomendacións, como solicitar as ofertas comerciais que se reciban sempre por escrito e ser cautelosos ao contratar fórmulas de cálculo do prezo da luz de difícil comprensión.

Complementariamente, o IGCC pon a disposición das persoas consumidoras os Venres de Consumo responde, unha iniciativa virtual para atender en aberto os venres ás 12.30 horas, todas as dúbidas das persoas consumidoras a través da aula virtual do organismo.

A cidadanía pode tamén facer uso do servizo telefónico de información gratuíta
900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas e de 17 a 19 horas de luns a venres, ou achegarse con cita previa a calquera das oficinas do IGCC nas sete principais cidades de Galicia. Os consumidores tamén poden enviar as súas dúbidas por correo electrónico ou a través dun formulario que atoparán na web do organismo.

Próximas charlas

Para a semana que vén están previstos encontros o martes 12 de abril ás 10 horas no casino de Noia; e ese mesmo día no Incio (Lugo) ás 17 horas na sala de usos múltiples. O calendario completo das charlas pode consultarse na web do IGCC.

Imaxes relacionadas