A Policía Autonómica en colaboración con axentes ambientais esclarecen un incendio no concello ourensán da Peroxa

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 15 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022

Axentes da Policía Autonómica, en colaboración con axentes ambientais, esclareceron un incendio forestal no concello da Peroxa.

Os axentes do Grupo de Investigación de Incendios da sede de Ourense, xunto con axentes
do Distrito XII Miño- Arnoia, resolveron a autoría dun incendio rexistrado o pasado martes, 5 de abril, no lugar da Peroxa Vella-Graíces, no municipio ourensán da Peroxa, que afectou 0,74 hectáreas de monte raso.

No transcurso das investigacións, a Policía Autonómica tomou declaración a un home que se atopaba a realizar unha queima sen as debidas medidas de seguridade.

Na extinción do lume interviron 1 axente, 1 brigada e 1 motobomba.

As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ourense. No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 15 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.