A Xunta comeza as obras da rede de camiños principais da concentración parcelaria de Oleiros cun orzamento de 1,5 M€

O delegado territorial, Luis López, asistiu esta mañá á presentación dos traballos, que contemplan a execución de 11,4 quilómetros de vías, entre acondicionamento das existentes e outras de nova apertura, cun prazo de execución de 18 meses

Vaise actuar en 16 pistas a través de acabados en canteira, afirmados en saburra e algún asfaltado, a pavimentación dos entronques coas estradas anexas e a instalación de tres pontóns de formigón armado para favorecer a conectividade das 256 hectáreas incluídas no proceso

Silleda, 8 de abril de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de comezar a conformación da rede de camiños principais da Zona de Concentración Parcelaria (ZCP) de Oleiros, no Concello de Silleda, cun orzamento de 1.491.408 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e da tenente de alcalde de Silleda, Mónica González, asistiu a primeira hora desta mañá a presentación destes traballos, que van ser executados dende o vindeiro 18 de abril pola empresa Tragsa cun prazo de execución de 18 meses, polo que se agarda que estean rematados a finais de 2023.

Este proxecto contempla a execución de 11,4 quilómetros de vías principais, orientadas a favorecer a conectividade das 256 hectáreas incluídas neste proceso. Nas obras acondicionaranse un total de 16 pistas, entre as que figuran as xa existentes e que se prepararán nesta actuación, cunha lonxitude de 7,5 quilómetros, e as de nova apertura, que alcanzan os 3,9 quilómetros.

Os traballos nesta rede de camiños principais consisten, segundo a tipoloxía e a situación de cada vía, no seu acondicionamento a través de acabado en material de canteira –a maioría, con 9,4 quilómetros–, o afirmado en saburra e algún asfaltado, así como a pavimentación dos entronques coas estradas anexas. Paralelamente, e para garantir a mobilidade e as conexións directas, vanse instalar tres pontóns de formigón armado cunha sección de 3 por 2 metros.

Este proxecto, que obtivo recentemente as autorizacións administrativas da Dirección Xeral de Patrimonio e de Augas de Galicia, está a arrancar co replanteo das novas trazas tras a realización previa dos traballos técnicos, que supuxeron outro investimento de 228.000 euros.

Esta reestruturación parcelaria abrangue un total de 1.705 parcelas pertencentes a 192 propietarios que suman 256 hectáreas de superficie, dispostas dun 74% de uso agrícola e o 26% restante de categoría forestal. As súas bases definitivas quedaron aprobadas en maio de 2021 e agora o servizo de Infraestruturas Agrarias está a traballar na resolución dos recursos presentados.

A Consellería do Medio Rural estima que, tras a finalización destas obras da rede de camiños principais, se procederá á contratación da elaboración do acordo de reestruturación, que determinará a proposta de distribución da propiedade coas novas fincas.

Imaxes relacionadas