A Xunta destinará 18 M€ para fomentar a mobilidade sostible na área da Coruña e máis de 3 M€ para impulsar unha estrutura flotante no Parrote destinada a baño e actividades de ocio

Salienta un investimento de 8M€ para a adquisición de equipamento para a Fase 0 do novo CHUAC; e outros 8 millóns adicionais para a adquisición de catro TAC, dúas salas de hemodinámica, unha resonancia magnética, un equipo de anxiografía vascular e un equipo de anxiografía neurorradiolóxica

En materia de turismo subliña que ao remate deste Xacobeo a Administración autonómica terá investido máis de 4 millóns no impulso do Camiño Inglés

A Coruña, 8 de abril de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe un investimento de 18 millóns de euros para fomentar a mobilidade sostible na área da Coruña, así como unha achega de máis de 3 millóns de euros para impulsar unha estrutura flotante no Parrote, destinada a baño e actividades de ocio.

En materia de mobilidade, Feijóo referiuse nun primeiro termo á conexión entre A Coruña e Oleiros a través da prolongación do paseo marítimo entre a praia de Oza e As Xubias e a construción dunha pasarela para cruzar a ría do Burgo desde A Coruña ata Santa Cristina, cun orzamento conxunto de 8 millóns e co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible entre os núcleos de Santa Cristina -no concello de Oleiros-, e As Xubias -na Coruña-; ademais de mellorar a accesibilidade non motorizada cara ao Complexo Hospitalario Universitario desde Oleiros.

Así mesmo, resaltou a renovación de 300 paradas de autobús das liñas de transporte público interurbano, para o que se destinarán 9 millóns de euros; e a construción de tres aparcadoiros con 150 prazas, situados na Vía Ártabra (en Oleiros) e na AG-55 (na Laracha e en Carballo), e que constarán cun orzamento de 600.000 euros.

Por outra banda, o titular do Goberno galego avanzou tamén que a Administración autonómica colaborará coa Autoridade Portuaria na execución dunha estrutura flotante no Parrote, co fin de habilitar unha zona de baño e permitir o desenvolvemento de actividades de ocio.

“Estamos a falar de máis de 3 millóns de euros que forman parte dos 20 millóns comprometidos pola Xunta para a recuperación da fachada marítima da cidade”, dixo, precisando que esta obra estará finalizada en 2023.

En materia de turismo, Feijóo subliñou que ao remate deste Xacobeo a Administración autonómica terá investido máis de 4 millóns no impulso do Camiño Inglés. Ao respecto, precisou que as obras do novo albergue de Ferrol, na Casa do Mar, están pendentes de que o Concello dea a licenza; e no albergue da Coruña, que se situará na antiga sede da Comandancia, investiranse 1,5 millóns.

Nesta mesma liña, resaltou que o Plan Xacobeo Next Generation supón un investimento de máis de 3 millóns de euros na provincia da Coruña para a rehabilitación da Torre de Hércules da Coruña e do Parque do Pasatempo de Betanzos, así como para actuacións de rexeneración ambiental e posta en valor da contorna do arquipélago de Sálvora.

Novo hospital público da Coruña

No eido sanitario, o presidente do Goberno galego confirmou este mediodía o inicio das consultas ambientais da mellora dos accesos ao novo hospital público da Coruña, co obxectivo de adiantar tempo e ter executados e operativos os accesos ao Novo CHUAC desde as estradas estatais AC-10 e AC-12, para facilitar a circulación de cara ás obras da fase 1.

Feijóo lembrou que a previsión é rematar este ano as obras en execución da Fase 0 e que o 80% do hospital estea construído en tres anos: a comezos de 2023, iniciarase a execución do hospital de pacientes para comezar despois cos accesos; no segundo trimestre de 2024, iniciaranse o resto das obras da Fase 1; e no primeiro trimestre de 2025, o obxectivo é que finalicen as obras do viario e os accesos.

Sobre este mesmo tema, subliñou que na reunión do Consello, aprobouse ademais a licitación dos expedientes de contratación para a adquisición de equipamento para a Fase 0 do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Estes expedientes licitaranse entre os meses de abril e maio e, unidos a outro máis licitado xa en marzo, completan un orzamento total de máis de 8 millóns euros para dotar aos novos espazos do equipamento necesario para o seu funcionamento.

Os equipos servirán para completar a dotación da ampliación da farmacia e para equipar con material de ecografía, monitorización, dispensación de medicamentos, respiración mecánica, equipamento electromédico, mobiliario clínico e xeral das novas áreas de hospitais de día, hospitalización, urxencias e coidados intensivos.

Na rolda de prensa, Feijóo explicou que ademais deste orzamento destinaranse outros 8 millóns de euros para a adquisición de catro TAC, dúas salas de hemodinámica, unha resonancia magnética, un equipo de anxiografía vascular e un equipo de anxiografía neurorradiolóxica.

En materia de vivenda, o titular do Executivo autonómico resaltou que a Xunta destinará un millón de euros do Programa Rexurbe, para a adquisición de inmobles na Cidade Vella e no eixo Orzán-Panadeiras, co fin de rehabilitalos e ofrecer vivendas públicas.

“Tamén no barrio de Xuxán -parque Ofimático- estamos a desenvolver unha serie de actuacións destinadas a mellorar a oferta de vivenda pública: en verán remataranse 40 vivendas de promoción pública e estamos avanzando noutras 40”, dixo, ao tempo que anunciou que xa se está a estudar a construción doutras 58 vivendas públicas adicionais.

A estas sumaranse: as 186 vivendas protexidas previstas no solo residencial que se prevé sacar a concurso público proximamente; as 386 que se ofertarán en breve para venda e alugueiro, tamén con réxime especial; e as 247 xa edificadas polas cooperativas beneficiaras do primeiro concurso de solo.

Desenvolvemento da Cidade das TIC

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo referiuse tamén aos avances para converter a Cidade das TIC nun polo tecnolóxico e de innovación dixital; non en van, este proxecto agarda poder mobilizar 55 millóns de euros.

Para acadar este obxectivo, o presidente galego subliñou que a Xunta está a impulsar as primeiras iniciativas dentro do proxecto, con achegas que superan os 5 millóns de euros, é dicir, o 85% de todo o investimento comprometido ata agora, ao redor de máis de 6M€.

Sobre este punto, referiuse á construción do centro de fabricación avanzada, un espazo de probas no que as pemes galegas impulsarán iniciativas vinculadas ás TIC e cuxas obras estarán rematadas a principios de 2023, coa previsión de crear 100 empregos directos.

Outro centro clave será o laboratorio de intelixencia artificial para vehículos non tripulados -Galaxy-Lab- que, cunha inversión de máis dun millón de euros -50% Xunta de Galicia-, buscará impulsar a investigación e experimentación con vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas.

Por último, o titular do Goberno galego destacou a aprobación dun convenio coa Fundación Universidade da Coruña para desenvolver metodoloxías que permitan predicir o risco de inundación e dos efectos do cambio climático en áreas fluviais.

Imaxes relacionadas