A Xunta destina máis de 15 M€ para o desenvolvemento da actividade investigadora e formativa de ACIS

Precisa que o plan desta axencia para o período 2022-2025 prevé 43 accións que se estruturan en seis eixos

A Coruña, 8 de abril de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a renovación, cun investimento de 15,3 M€, do contrato coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento de Saúde, que é a entidade encargada de cuestións como a docencia, a formación, a investigación ou a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo deu conta do plan desta axencia para o período 2022-2025 que prevé 43 accións que se estruturan en seis eixos: a formación continua dos profesionais, a docencia, o fomento dunha investigación de calidade, o impulso da innovación no Sergas, a avaliación e unha xestión eficiente dos recursos da axencia.

No tocante as novidades que recolle respecto do anterior contrato plurianual, o presidente da Xunta sinalou que se incorpora unha nova plataforma de formación, a realización de máis actividades formativas e de divulgación e transferencia do coñecemento científico e tecnolóxico, así como a execución de novos programas de innovación.
 

Imaxes relacionadas