A Xunta aumenta nun 47% o apoio ás familias para o acceso a libros de texto e material escolar o vindeiro curso

Feijóo avanza que se pasará dos 17,4 M€ deste curso aos 25,6 M€ no 22/23

A Coruña, 8 de abril de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, en rolda de prensa, que a Xunta aumentará nun 47% o seu apoio ás familias para o acceso a libros de texto e material escolar o vindeiro curso, pasando dos 17,4 M€ deste curso aos 25,6 M€ no seguinte.

Logo de recordar que coa entrada en vigor da LOMLOE nos cursos impares o incremento do orzamento destínase case todo a repoñer os manuais que pasan dun curso a outro, Feijóo incidiu nos 3 piares nos que se basea o sistema solidario da Xunta.

Así, en primeiro termo, destacou a axudas de compra de libros de texto nas ensinanzas e cursos con materiais non reutilizables, que oscilan entre os 140 € e os 210 € segundo a renda, ata os 275 € no caso de alumnos de educación especial e 210 para os nenos en garda ou tutela.

En segundo, fixo referencia ao fondo solidario de libros de texto, no que poden participar alumnos desde 3º de primaria ata 4º de ESO e se repartirán os libros en orde inversa á renda. “Os que acreditan unha renda de menos de 6.000 €, están en situación de garda ou teñen discapacidade poden acceder a 6 libros e os que teñen unha renda de entre 6.000 e 10.000 € poden ter 4”, engadiu.

E, finalmente, en relación ao terceiro piar, salientou as axudas para a compra de material escolar, con 50 € po alumno se a renda per cápita familiar é menor a 6.000 euros.

Por último, concluíu a súa intervención ofrecendo datos deste curso 2021/2022 no que se repartiron de balde máis de 464.000 libros, cubrindo a práctica totalidade das necesidades do 70% do alumnado, e no que 29.000 estudantes se beneficiaron das axudas para a compra e máis de 93.000 recibiron os vales para mercar material escolar.
 

Imaxes relacionadas