Feijóo anuncia que a Xunta facilitará financiamento ás estacións de servizo para que poidan afrontar os adiantos da bonificación dos 20 céntimos por litro decretada polo Goberno

Explica que se articulará a través dun convenio entre Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras no que se avalarán operacións por un máximo de 80 millóns de euros

A Coruña, 8 de abril de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe en rolda de prensa que a Xunta facilitará, a partir do martes, financiamento ás estacións de servizo para que poidan afrontar o adianto da bonificación dos 20 céntimos por litro decretada polo Goberno central.

Para tal fin, puntualizou, aprobarase un programa dirixido a pemes e autónomos para obter financiamento, especialmente centrado naqueles sectores máis afectados pola invasión rusa, como é o caso das gasolineiras.

Logo de explicar que esta medida se impulsa tras coñecer que moitas estacións de servizo, sobre todo as pequenas e independentes, están tendo moitas dificultades ao non recibir os anticipos comprometidos polo Executivo central, Feijóo explicou que se articulará a través dun convenio entre Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras no que se avalarán operacións por un máximo de 80 M€ a través de catro liñas de financiamento.

A primeira delas, que segundo indicou prevé chegar ata os 60M€, está destinada a reavais para axudar ás pemes máis expostas á crise de prezos. Máis polo miúdo, o presidente da Xunta subliñou que para poder acceder a este financiamento deberán cumprir unha serie de requisitos como que os préstamos oscilen entre os 3.000 e os 300.000 euros, que o prezo das materias primas se incrementara un 50% en xeral ou un 20% no caso das gasolineiras en comparación con 2021, que o gasto de combustible ou enerxía superase o 25% con respecto ao ano pasado ou que teñan unha maior exposición comercial aos mercados de Rusia e Ucraína.

Ademais, subliñou, tamén poderán acollerse a unha segunda liña chamada reaval funcionamento, dirixida a créditos avalados para financiar tráfico comercial -adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagamento a provedores e de comercio exterior-.

Finalmente, Feijóo lembrou que como complemento hai que ter en conta dúas liñas máis ligadas a outras actividades económicas como son os reavais para préstamos avalados a longo prazo para investimentos produtivos ou circulante estrutural por parte das pemes e reavais para garantías ante terceiros ligadas a operacións de tráfico ou avais técnicos.
 

Imaxes relacionadas