A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe de xeito telemático co alcalde de Ames, Blas García, o convenio para executar estas obras

A Xunta colaborará co Concello de Ames para acondicionar a avenida da Peregrina, en Bertamiráns, cun investimento autonómico de case 82.000 €

Trátase de mellorar o tramo da estrada AC-544 que vai desde a intersección coa avenida da Maía ata o punto quilométrico 0+610, sumando 610 metros

As actuacións propostas inclúen o fresado de toda a superficie do tramo e a reposición do firme nos dous carrís, nas beiravías e nas bandas de estacionamento

Tamén se renovará a sinalización horizontal e se pintarán vaos, zonas de carga/descarga, prazas de aparcamento ou pasos de peóns

A Xunta asumirá o financiamento íntegro das actuacións, que deberán ser licitadas e executadas pola Administración local

O Concello aceptará a transferencia da totalidade da avenida da Peregrina
 

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022

A Xunta colaborará co Concello de Ames para acondicionar a avenida da Peregrina, en Bertamiráns, cun investimento autonómico de case 82.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe de xeito telemático co alcalde de Ames, Blas García, o convenio de colaboración para executar estas obras.

Trátase de mellorar o tramo da estrada AC-544 que vai desde a intersección coa avenida da Maía ata o punto quilométrico 0+610, sumando unha lonxitude total de 610 metros.

Este treito de vía autonómica, que discorre polo núcleo urbano de Bertamiráns, é coñecido como a avenida da Peregrina e atópase plenamente integrado na malla urbana.

As actuacións propostas inclúen o fresado de toda a superficie do tramo da vía para nivelar a súa rasante, así como a reposición da capa de rodadura nos dous carrís, beiravías e bandas de estacionamento, con mestura bituminosa en quente.

Tamén se renovará a sinalización horizontal, reporanse as liñas existentes e pintaranse vaos, zonas de carga/descarga, prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, pasos de peóns, símbolos e frechas.

Compromisos

En canto aos compromisos establecidos no convenio, a Xunta asumirá o financiamento íntegro das actuacións.

Pola súa banda, o Concello de Ames redactará o correspondente proxecto, licitará as obras e será o encargado da súa execución.

A Administración local aceptará a transferencia da titularidade do treito da estrada AC-544, é dicir, a totalidade da avenida da Peregrina, con inicio no punto 0 e remate no 1+160.