A Xunta destaca as boas previsións para a Semana Santa en Galicia, con zonas cunha ocupación superior ao 80%

Ribeira Sacra e Ourense, con ocupacións por riba do 80%, e os territorios vencellados coa Semana Santa como Santiago, Ferrol ou Viveiro, é previsible que acaden bos resultados de ocupación a vindeira semana

A reserva de última hora e os desprazamentos de proximidade por parte de viaxeiros maioritariamente de orixe nacional, ademais da meteoroloxía, marcarán os resultados finais aínda que o sector é optimista

Só na primeira semana de abril triplicouse o número de peregrinos respecto do mesmo período do ano pasado

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destaca as boas expectativas e subliña que son “un magnífico sinal” para a temporada turística galega, “con cifras prepandemia ou incluso mellores”
 

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2022

De cara á celebración de Semana Santa o sector turístico avanza boas perspectivas con previsións de ocupación entre o 60% e o 80%, se ben existen territorios que agardan acadar incluso ocupacións maiores como poden ser Santiago de Compostela, Ferrol ou Viveiro, polos de atracción polas celebracións vencelladas á Semana Santa.
A meteoroloxía, as viaxes de proximidade e as reservas de última hora marcarán as ocupacións finais, aínda que o ritmo de chegada de peregrinos que se detecta nas últimas semanas apunta a unha Semana Santa boa para o sector. De feito, só na primeira semana do mes de abril chegaron a Santiago case 4000 peregrinos, máis dos que se chegaron en todo o mes de xaneiro e febreiro e tres veces máis dos que chegaron no mesmo período o ano pasado.
Segundo traslada o Clúster Turismo de Galicia, o ritmo de reservas foi bo nestas semanas, sendo maioritario o viaxeiro de procedencia nacional e de proximidade a Galicia. Espérase que entre o xoves e o domingo, os días centrais da Semana Santa se acaden as mellores cifras. Por sectores, o hoteleiro, especialmente os que ofrecen servizos complementarios vencellados co turismo termal, e o turismo rural, agardan boas cifras de ocupación, especialmente os situados na Ribeira Sacra ou na Mariña lucense.

Ourense e Ribeira Sacra, coas mellores perspectivas

Por provincias, na de Pontevedra destaca as previsións de Sanxenxo e Vigo, que agardan superar o 70% de ocupación nos días festivos, sempre que o tempo non sexa especialmente adverso. Na provincia da Coruña destaca Santiago de Compostela e a cidade da Coruña, que agardan tamén marcar cifras similares de ocupación. No caso da Costa da Morte, as reservas están arredor do 60%.
Na provincia de Lugo, a cidade de Lugo e a zona de Terra Cha agarda boas cifras de ocupación arredor do 65% nos días festivos pero é a Ribeira Sacra na que se espera superar estas cifras, por riba do 80%, incluso con porcentaxes superiores os establecementos de turismo rural e nos hoteis de 3 e 4 estrelas. Finalmente, Ourense agarda unha excelente ocupación, arredor do 80%, propiciada polo tren de alta velocidade que, de feito, ten esgotados a maioría dos seus billetes para viaxar entre Madrid e Galicia nos días fortes da Semana Santa.
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destacou as boas perspectivas que entende como “un magnífico sinal” para a temporada turística galega, animada polo Xacobeo e polo feito de que xa se empezan a consumir as tarxetas do bono turístico. “A reactivación do Camiño xa é unha realidade cuns 1.000 peregrinos diarios, e todo parece indicar que se poden acadar cifras prepandemia ou incluso mellores, cifras case históricas”.
 

Imaxes relacionadas