A Xunta adxudica as obras de reforma e ampliación da área de esterilización do Hospital do Salnés cun investimento de 744.000€

O delegado territorial, Luis López, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, informaron esta mañá desta contratación, prevista nos Orzamentos Autonómicos 2022, nunha visita ao complexo sanitario de Vilagarcía de Arousa

Esta actuación, adxudicada a Actividades de Infraestructuras Públicas y Conservación SL, permitirá duplicar a superficie actual dedicada a estes procesos e a adaptación da capacidade do bloque cirúrxico tras a anterior ampliación do hospital, á que se destinaron 8,5 M€

“Temos unha decidida aposta pola Sanidade Pública de Vilagarcía e do Salnés que se demostra con feitos, xa que seguimos a mellorar o hospital tras investir case 10 M€ e, en paralelo, xa avanzamos no novo centro de saúde coa redacción do proxecto”, sinalou o representante galego
 

Vilagarcía de Arousa, 8 de abril de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde (Sergas), vén de adxudicar as obras de reforma e ampliación da área de esterilización do Hospital do Salnés á empresa Actividades de Infraestructuras Públicas y Conservación SL cun investimento de 743.986 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, informaron esta mañá desta contratación, que estaba prevista nos investimentos do Orzamentos Autonómicos 2022, nunha visita ao complexo sanitario de Vilagarcía de Arousa na que estiveron acompañados pola tenente de alcalde, Tania García, e outros representantes municipais.

Esta actuación, adxudicada tras un concurso ao que concorreron cinco empresas, contempla a creación dunha nova unidade de esterilización que permitirá duplicar a superficie actual dedicada a estes procesos médicos e a adaptación da capacidade do bloque cirúrxico do hospital tras a súa anterior ampliación de espazos e carteira de servizos.

“Temos unha decidida aposta pola Sanidade Pública de Vilagarcía e da bisbarra do Salnés, que se demostra con feitos, xa que seguimos mellorando incansablemente este hospital tras investir case 10 millóns de euros no incremento de espazos, atencións sanitarias e equipamentos, pero ademais, en paralelo, estamos a avanzar no novo centro de saúde da cidade coa licitación, ata o mes de maio, da redacción do proxecto por un importe de 475.000 euros”, sinalou o representante autonómico.

O procedemento administrativo cara a nova área de esterilización, que terá un prazo de garantía de tres anos por parte da empresa adxudicataria, pasa pola formalización do contrato nas vindeiras semanas para dar paso posteriormente ao inicio das obras, que serán financiadas co Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 con fondos React-UE.

Luis López explicou que esta actuación “supón un paso máis no reforzo da calidade asistencial da zona sanitaria de Arousa” e contextualizouna no plan de melloras do Hospital do Salnés, que incluíu, ata a data, a súa ampliación con 8,5 millóns de euros, a dotación de novos equipamentos por case un millón de euros e o incremento da carteira de servizos coa incorporación das especialidades de Cardioloxía, Neuroloxía e Oncoloxía Médica.

Cómpre sinalar que este complexo sanitario dispón, dende a súa remodelación, dunha nova área de urxencias, un bloque cirúrxico dotado de cinco quirófanos, unha área obstétrica máis ampla e un hospital de día cunha decena de boxes. Ademais, no eido tecnolóxico, incorporáronse cardiotocógrafos, unha incubadora obstétrica, respiradoiros para urxencias, un arco radiocirúrxico e unha torre de endoscopia.

Imaxes relacionadas