Martina Aneiros felicita ao alumno de servizos de restaurante e bar Bruno Landrove polo terceiro posto no certame nacional de formación profesional Spainskills

Destaca que recoñecementos coma este “son a mellor manifestación da excelencia da FP galega”

Pontedeume (A Coruña), 8 de abril de 2022

A delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, visitou hoxe o CIFP Fraga do Eume de Pontedeume para felicitar persoalmente a Bruno Landrove, que ven de facerse coa medalla de bronce na categoría de Servizo de restaurante e bar no certame Spainskills para estudantes de Formación Profesional que tivo lugar en Madrid. Este alumno, de 21 anos e orixinario de Fene, acudiu ao concurso representando a Galicia logo de gañar a final autonómica á que asistiu como estudante do centro integrado eumés.

Martina Aneiros tamén aproveitou a ocasión tamén para felicitar aos docentes do CIFP polo traballo formativo realizado e que deu como froito a participación de Bruno Landrove na final estatal na que Galicia logrou un total de cinco medallas, tres de ouro, unha de prata e outra de bronce.

“Este premio e os alcanzados polos alumnos noutros concursos ao longo do ano é a mellor manifestación da excelencia da FP galega”, indicou a delegada territorial durante a visita. Martina Aneiros gabou a implicación de docentes e alumnos e salientou que o recoñecemento anima á Xunta a continuar impulsando estas ensinanzas segundo a folla de ruta marcada na Estratexia FP Galicia 2030.
 

Imaxes relacionadas