Fundación Paideia e Xunta abren a nova convocatoria do certame Sonidos Mans para bandas emerxentes

É unha das accións inseridas na colaboración que manteñen ambas as entidades a prol dunha maior proxección e profesionalización da música emerxente

Os grupos poderán inscribirse ata o 19 de abril para optar a gravar nos Estudios Mans e a tocar nun dos catro festivais galegos adheridos: PortAmérica, Festival de la Luz, Revenidas e Atlantic Fest

 

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022

O certame Sonidos Mans abre ata o 19 de abril o prazo de inscrición para as bandas emerxentes interesadas en participar na súa sexta edición que, como en anos anteriores, se materializa grazas á colaboración entre a Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia a prol dunha maior proxección social e profesionalización no ámbito da música emerxente.

O concurso diríxese a artistas e grupos españois que non teñan editado nin distribuído traballos de xeito comercial, co obxectivo de lles ofrecer unha ferramenta de difusión mediante a súa inclusión na programación dos festivais galegos colaboradores (PortAmérica, en Caldas de Reis e Portas; Festival de la Luz, en Boimorto, e Revenidas e Atlantic Fest, en Vilagarcía de Arousa), ademais de gravar nos Estudios Mans da Coruña.

Para participar en Sonidos Mans cómpre presentar un tema orixinal a través da web www.sonidosmans.com. Varios profesionais de recoñecido prestixio no sector musical seleccionarán os 50 mellores temas de entre todos os presentados. Deles, os 10 coa puntuación máis alta entrarán directamente na fase final e os 40 restantes serán sometidos á votación popular. Finalmente, un xurado profesional designará os catro gañadores, que Paideia e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, darán a coñecer o 10 de maio.

O certame, que o ano pasado alcanzou preto das 300 bandas inscritas, forma parte do acordo asinado entre a Fundación Paideia e a Axencia Galega de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que abrangue tamén o ciclo de xornadas de industrias musicais A volta IN-perfecta. O retorno da música na nova era.

Tras unha primeira sesión en Pontevedra, o programa continuará en Ourense o 28 de abril coa xornada A imaxe IN-perfecta e en Vigo o 26 de maio con O directo IN-perfecto para abordar, respectivamente, a importancia da imaxe dos artistas no lanzamento dos traballos e as fases para garantir o éxito dun proxecto no salto ao directo.

 

Imaxes relacionadas