O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación interveu ante a Comisión 4ª do Parlamento

A Xunta aposta polo diálogo e a análise rigorosa das dinámicas de futuro para artellar unha zonificación escolar en Vigo con vocación de continuidade

Jesús A. Bértolo explicou que a evolución demográfica, as distribución poboacional, os desenvolvementos urbanísticos e a implantación das novas modalidades de Bacharelato son elementos a ter en conta nesta planificación de futuro, polo que non se pode establecer un calendario concreto e pechado

Destaca a aposta do Goberno da Xunta polo ensino público en Vigo, que vai recibir un forte impulso coa construción do novo IES de Navia, con 12M€ de investimento
 

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Jesús Álvarez, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta aborda a zonificación escolar de Vigo desde o máximo diálogo e consenso e atendendo ás circunstancias cambiantes, polo que non se pode establecer un horizonte ríxido e pechado nestes momentos.
Nunha intervención ante a Comisión 4ª da Cámara autonómica, Jesús Álvarez expuxo que, para acometer unha planificación “seria, rigorosa e que dea resposta ás demandas da comunidade educativa”, precísase abordar un conxunto de variables como a dinámica e a distribución demográfica, o desenvolvemento urbanístico da cidade e tamén, desde o punto de vista académico, as novas modalidades de Bacharelato que establece a nova lei educativa estatal e que o Goberno do Estado acaba de oficializar logo da tardanza na aprobación dos novos currículos.

Caída da natalidade

O representante da Xunta explicou que nos últimos anos se está constatando unha baixada da natalidade “cun notable descenso” de solicitude de prazas para o próximo curso 2022-23 en 4º de Educación Infantil que “nos debe levar a ser prudentes nos cálculos da futura zonificación”. Isto unido ás dinámicas demográficas cunha distribución de poboación cara á zona suroeste da cidade e a implantación do novo Bacharelato xeral do que se descoñece a demanda por parte dos alumnos, “esixe dunha análise sosegada para chegar a propostas sólidas e con vocación de continuidade”.

De aí que a Xunta seguirá impulsando este proceso desde o diálogo constante co conxunto da comunidade educativa, como o leva facendo nos últimos anos, con múltiples reunións e mesas de traballo con representantes das anpas e en colaboración permanente coas direccións dos centros educativos.

Jesús Álvarez defendeu a aposta da Xunta por atender as necesidades educativas de Vigo, cunha ampla oferta de prazas públicas (no presente curso quedaron libres preto de 1.300 prazas de 4º de Infantil), e con garantía dos servizos de transporte e comedor. Ademais, lembrou o compromiso da Xunta coa construción do novo instituto de Navia, cun investimento de 12M€ e capacidade para arredor de 700 alumnos que dará servizo a unha zona da cidade de especial crecemento demográfico.