A Xunta avanza no compromiso coas vítimas e testemuñas vulnerables coa dotación dunha nova sala Gesell na Coruña

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou o edificio da rúa Capitán Juan Varela no que está a Subdirección do Imelga e no que se implantará a sala de atención as vítimas

O Goberno galego avanza no seu compromiso de que todas as cidades galegas con sede do Imelga conten con este servizo que protexe a menores e persoas especialmente vulnerables

Juan José Martín coñeceu tamén o espazo do edificio da Fábrica de Tabacos no que se vai acondicionar unha nova sala de vistas
 

A Coruña, 8 de abril de 2022.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, coñeceu hoxe o espazo do edificio Capitán Juan Varela da Coruña no que se vai construír unha sala Gesell para a atención as vítimas e testemuñas vulnerables, co que o Goberno galego avanza no seu compromiso de dotar destas instalacións ás sete cidades galegas, onde se atopan as sete subdireccións do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).
Acompañado do xuíz decano de A Coruña, Luis Merino, da subdirectora do Imelga da Coruña, María Berta Rodriguez Martínez, e por técnicos da consellería de Xustiza, o director xeral de Xustiza recordou que estes espazos están especialmente acondicionados para -no ámbito xudicial- a práctica de probas de declaración de vítimas ou testemuñas especialmente protexidas, entre outras función que afectan a persoas de carácter vulnerable.
Juan José Martín subliñou que son un recurso especialmente destinado para evitar a vitimización secundaria das testemuñas menores de idade e doutras persoas especialmente vulnerables (sobre todo as persoas con discapacidade necesitadas de especial protección), e mesmo das persoas maiores de idade vítimas de delitos.
No caso de A Coruña, optouse por instalar este servizo no edificio da rúa Capitán Juan Varela onde está a Subdirección do Imelga e, polo tanto, os equipos psicosociais que intermedian con xuíces, fiscais e demais partes representadas nos casos de testemuñas menores de idade ou doutras persoas especialmente vulnerables.

A Xunta de Galicia equipou de salas Gesell aos servizos xudiciais das cidades de Santiago, Lugo, Pontevedra e Ourense, e dotará de dúas salas á Cidade da Xustiza de Vigo. Ademais da Coruña, o Goberno galego agarda ofrecer en breve este servizo tamén en Ferrol, pendente de concretar a súa ubicación.

Por outra banda, acompañado polo presidente da Audiencia Provincial da Coruña, Ignacio Picatoste, Juan José Martín visitou tamén o espazo do edificio da Fábrica de Tabacos no que se vai acondicionar este mesmo mes unha nova sala de vistas na primeira planta, o que permitirá que, xunto coas catro actuais da planta baixa, poidan coincidir distintos xuízos sinalados, ou que se reserve o espazo para xuízos de longa duración. A dotación de mobiliario máis o equipamento tecnolóxico ascende a 45.000 euros e a sala estará dispoñible no vindeiro mes de maio.
 

Imaxes relacionadas