A Xunta colocará redutores de velocidade na estrada PO-214 en Pontecesures para reforzar a seguridade dos peóns na contorna do centro escolar

Os traballos, que se veñen de adxudicar por máis de 48.000 €, comezarán nas vindeiras semanas e consisten na execución de redutores de velocidade, na elevación dun paso de peóns e na instalación de semáforos

O obxectivo é mellorar a seguridade nunha zona onde que se sitúan numerosas vivendas e o acceso a un centro escolar, entre os quilómetros 0+100 e 0+500 da vía

A intervención súmase á senda peonil executada no ano 2020 na marxe dereita da PO-214, cun investimento autonómico superior aos 48.000 €
 

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras para a colocación de redutores de velocidade na estrada autonómica PO-214, no concello de Pontecesures, co obxectivo de reforzar a seguridade dos peóns na contorna do centro escolar e das vivendas existentes na zona.

Este contrato, adxudicado á empresa á empresa Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L. por un importe de máis de 48.000, comezará nas vindeiras semanas.

As intervencións proxectadas pola Xunta inclúen a execución de redutores de velocidade, a elevación dun paso de peóns e a instalación de semáforos.

Máis en detalle, disporanse redutores de velocidade de tipo “lombo de asno” e unha banda transversal de alerta, entre os puntos quilométricos 0+100 e 0+500, coa finalidade de manter unha velocidade reducida de circulación ao longo do tramo.

Os ditos redutores situaranse nos puntos da PO-214: 0+115, 0+180, 0+260 e 0+450. Ademais executarase unha banda transversal de alerta, con resaltos, no carril esquerdo do punto quilométrico 0+465, para alertar ao condutor que se aproxima a unha zona onde deberá diminuír a velocidade e incrementar a atención á vía.

No marco da intervención inclúese, tamén, a elevación e a protección do paso para peóns situado no punto quilométrico 0+140.

No punto quilométrico 0+350 instalaranse cinco grupos semafóricos para a regulación do tráfico no cruzamento co obxectivo de mellorar a visibilidade no mesmo e facilitar a incorporación dos automóbiles á estrada PO-214, evitando o risco para peóns e vehículos. A iluminación dos semáforos será mediante tecnoloxía LED.

Esta nova intervención na estrada autonómica ao seu paso polo municipio súmase á realizada no ano 2020 polo departamento de Infraestruturas da Xunta, coa execución dunha senda peonil na marxe dereita da PO-214, entre os puntos quilométricos 0+650 e 0+860, e que supuxo un investimento autonómico superior aos 48.000 euros

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.