Aberto o prazo de inscrición ao curso de especialización en financiamento europeo da Fundación Galicia Europa para entidades públicas e privadas galegas

O curso “TecEuropa” desenvolverase de xeito virtual ao longo de catro sesións repartidas entre o 4 e o 13 de maio

Nesta décimo sexta edición, os asistentes poderán coñecer de preto as principais políticas comunitarias e explorar as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo
 

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022.- A Fundación Galicia Europa (FGE) abre hoxe o prazo de inscrición á nova edición do seu curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, dirixido, nesta ocasión, a todo tipo de entidades públicas e privadas galegas (sector público autonómico, entidades locais, universidades, clústeres, entidades sociais, empresas..).

Esta décimo sexta edición desenvolverase de xeito virtual entre o 4 e o 13 de maio e estará moderada pola directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos. Ao longo de catro sesións, os asistentes poderán achegarse, da man de especialistas e representantes comunitarios, ás principais políticas europeas, especialmente as relacionadas coa dobre transición ecolóxica e dixital. Poderán tamén identificar as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo, como o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, Horizonte Europa ou os novos programas de cooperación territorial europea.
Desde a súa posta en marcha no 2015, TecEuropa contribuíu ao longo de quince edicións á formación de máis de 700 profesionais e a crear e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, o que o levou a consolidarse como o curso galego de referencia nesta materia.

Pode atopar máis información do curso e inscribirse a través da seguinte ligazón.

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa, para o que conta cunha oficina en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas. A Lei de Acción Exterior de 2021 outórgalle formalmente o mandato da Administración autonómica para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e os órganos da Unión Europea. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a FGE está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.
 

Imaxes relacionadas