A Xunta impulsou máis de 1.000 actividades de dinamización lingüística por toda Galicia en 2021

O responsable de Política Lingüística, Valentín García, dá conta no Parlamento das actividades do seu departamento o pasado ano, así como dos plans para 2022

A Rede de Dinamización Lingüística, familias, neofalantes e o ‘Proxecto Nós de intelixencia artificial’ son os principais eixes de acción

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, compareceu esta mañá no Parlamento galego para dar conta das accións levadas a cabo pola Xunta de Galicia en materia lingüística en 2021 e presentar as propostas nas que o seu departamento traballa neste momento.

Durante o exercicio pasado, a Secretaría Xeral de Política Lingüística continuou avanzando nas principais liñas de traballo dos últimos anos, centrando os seus esforzos máis importantes en promover a idea de que a lingua galega é útil en calquera ámbito e para todas as funcións, facéndoa atractiva especialmente para a cativada e a mocidade.

Neste senso, a Rede de Dinamización Lingüística foi, como desde hai máis dunha década, un dos piares principais para a promoción do uso da lingua galega, especialmente entre o público miúdo. “No pasado 2021, a pesares da pandemia, esta rede de concellos, entidades e agrupacións galegas estendeu a súa programación por 225 destinos diferentes, de maneira que o 100% dos seus membros -228 na actualidade- gozou dalgunha das nosas propostas lúdicas”, afirmou Valentín García.

O FalaRedes e o Nadal en Rede son os dous grandes programas de dinamización lingüística desta rede, que ocuparon o tempo de ocio das familias con teatro de monicreques, teatro para adolescentes e adultos, teatro para nenos, espectáculos para bebés, monólogos humorísticos, espectáculos musicais para toda a familia, maxia, circo e obradoiros de xogos, entre outras actividades. “En total, os dous sumaron 262 accións que, unidas ás realizadas por fóra da rede, produciron máis de 1.000 actuacións destinadas ao tempo de lecer en galego”, destacou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Mentres que o Nadal en Rede contou cun investimento directo de 166.756€, o FalaRedes desenvolveuse na súa totalidade con actividades do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, “outro dos grandes traballos dos dous últimos anos co obxectivo de preservar a actividade nun contexto sanitario excepcional”, indicou o secretario xeral. Na súa primeira convocatoria, en 2020, inxectou 2,5 millóns de euros para reactivar o sector cultural no seu momento máis complicado. O pasado 2021, este repositorio de contidos culturais en galego repartiu 3 millóns entre proxectos dixitais (190 produtos e 733 contidos), materiais (66 obras e 36.781 exemplares) e presenciais (572 sesións ou actuacións).

Outro dos puntos a destacar por Valentín García foi a posta en marcha o pasado 2021 do Proxecto Nós, “cun convenio de 60.000€ que será ampliado en 2022, no que será o maior investimento directo en investigación tecnolóxica feito en toda a historia da promoción do galego”.

Este proxecto, en colaboración coa USC e coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), está enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e aspira acada un investimento de 15,5 M€ de fondos europeos para garantir que a lingua galega participe da revolución tecnolóxica dos nosos días. Para iso, a iniciativa permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego baseados en intelixencia artificial e en tecnoloxías da linguaxe, que serán gratuítos e en código aberto de forma que queden a disposición da cidadanía e do sector empresarial.

Planificación para o ano en curso

No tocante ao 2022, Valentín García avanzou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade segue traballando ”na importancia da dinamización lingüística entre a rapazada e na transmisión interxeracional da lingua”. Para iso, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, nace este ano TeCe Redes en galego, o novo repositorio de proxectos dixitais e presenciais en lingua galega. Dotado cunha cantidade inicial de 500.000 euros, esta iniciativa toma distancia do seu predecesor centrándose única e exclusivamente nos materiais e actividades de dinamización lingüística dirixidos aos máis pequenos da casa.

No tocante Rede de Dinamización Lingüística, nos próximos días presentarase aos medios de comunicación a primeira quenda de actividades do FalaRedes 2022 con 56 accións ás que se irán incorporando outras novas segundo se acheguen os meses de verán. Ademais, o deporte será outro dos temas nos que Política Lingüística quere ampliar os seus recursos, creando a primeira colección de manuais dirixida á mocidade no marco do Plan de Dinamización da lingua galega para o Deporte.

A atención aos neofalantes, igualdade de xénero, lusofonía, toponimia, xustiza, empresas, proxectos de investigación, accións dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega ou programación de actividades e materiais arredor das Letras Galegas son, entre outras, as liñas de acción nas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística seguirá traballando este curso 2022.

Imaxes relacionadas