A Xunta inviste preto de 40.000 euros na creación e mantemento de faixas auxiliares e na roza de pistas do distrito forestal XIX Caldas-O Salnés

Os labores preventivos -desenvolvidos entre este ano e o pasado 2021- estanse a realizar en zonas declaradas de alto risco de rexistrar incendios forestais dos concellos de Meis, Barro, Pontevedra, Poio, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa

As accións enmárcanse no Plan preventivo da Consellería do Medio Rural, que contou cun orzamento de case 30 millóns de euros no ano 2021 para actuar en máis de 58.000 hectáreas e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022

A Xunta investiu preto de 40.000 euros en diversas actuacións de xestión de biomasa no distrito forestal XIX Caldas-O Salnés, co obxectivo de avanzar na anticipación aos incendios. En concreto, os labores -desenvolvidos entre este ano e o pasado 2021- estanse a realizar en zonas declaradas de alto risco de rexistrar lumes forestais dos concellos de Meis, Barro, Pontevedra, Poio, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.
Así, estase a proceder á creación e mantemento de faixas auxiliares e á realización de rozas de pistas forestais de xeito mecanizado. Deste xeito, estase retirando matogueira de diversas alturas e densidades para facilitar o acceso dos medios de prevención e extinción, así como para evitar a propagación e diminuír o risco de incendio forestal.
Canto aos lugares exactos de actuación, sitúanse nos montes da parroquia de San Lourenzo, en Meis; nos de Curro, en Barro; nos de Campañó, en Pontevedra; nos de San Xoán, en Poio; nos de Saiar, en Caldas de Reis; e nos de Cea e O Carril, en Vilagarcía de Arousa.
Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.

Imaxes relacionadas