A Xunta realiza os estudos xeotécnicos para a construción do Novo Hospital Público da Coruña

Estes traballos, que se prolongarán ata a vindeira semana, teñen como obxectivo analizar o terreo para avaliar a cimentación e os muros de contención necesarios

Os labores, dirixidos por un xeólogo e con dous técnicos de campo, prevén a realización de sondeos cada 25 metros, ata un total de 10 penetracións

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar o desenvolvemento dos estudos xeotécnicos da totalidade do novo Hospital Público da Coruña.

Estes traballos, que se prolongarán ata a vindeira semana, teñen como obxectivo analizar o terreo para avaliar a cimentación e os muros de contención necesarios.

O estudo xeotécnico está a ser dirixido por un xeólogo e dous técnicos de campo que mobilizan a maquinaria necesaria para as prospeccións. As intervencións que se están a realizar na zona prevén sondeos cada 25 metros, ata un total de 10 penetracións no solo.

Na actualidade está xa en desenvolvemento a ‘Fase 0’ do Novo CHUAC, que dispón dun orzamento de 13 millóns de euros e que estará rematada ao longo deste ano.

Esta fase previa inclúe a creación dunha nova planta de hospitalización e a ampliación das Urxencias, do servizo de farmacia e das camas en UCI.

Novo CHUAC

Os citados traballos enmárcanse no impulso do Novo CHUAC, que constará dun orzamento autonómico de 430 millóns de euros, o maior investimento da sanidade pública da comunidade.

As intervencións proxectadas posibilitarán o incremento do 15% en canto a camas, a disposición do dobre de habitacións individuais e a creación dun 108% máis de postos en Urxencias.

Ademais, as novas instalacións contarán con 500 consultas externas, 40 quirófanos, 230 postos en hospitais de día e 45 estacións de diálise.

Imaxes relacionadas