O conselleiro de Cultura participa na Conferencia Sectorial de Cultura

A Xunta reclama ao Goberno central unha maior flexibilidade para non poñer en risco a execución dos fondos europeos destinados ao patrimonio cultural

Lamenta que, tras meses de negociación para encaixar os proxectos, haxa atrancos con criterios “ríxidos e dirixistas que coartan os plans das comunidades autónomas”

Solicita que se fixen “con coherencia” as pautas que deben cumprir as iniciativas e un reparto máis “xusto, equilibrado e dialogado” coas comunidades autónomas

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe de xeito telemático na Conferencia Sectorial de Cultura, presidida polo ministro Miguel Iceta. No encontro, Román Rodríguez reclamou ao Goberno central máis claridade e flexibilidade para non poñer en risco a execución dos fondos europeos destinados ao patrimonio cultural. “Consideramos clave que recapaciten e se fixen criterios para os proxectos que opten aos fondos máis flexibles e coherentes e que se respecten as formulacións feitas polas comunidades”, expresou.

O titular de Cultura da Xunta lamentou que, tras meses de negociación para encaixar os distintos proxectos, o Goberno central “continúe poñendo atrancos a proxectos estratéxicos para o patrimonio galego por unha cuestión de forma sen ter en conta os criterios de Galicia”. Referiuse a distintos proxectos presentados polo Goberno autonómico no marco das medidas de apoio á conservación, restauración e posta en valor do patrimonio cultural inmoble do Plan de Recuperación, que conta cun orzamento global de 115,3M€, dos que ao redor do 5% corresponden a Galicia.

Román Rodríguez sinalou a falta de flexibilidade e instou a un reparto máis “xusto, equilibrado e dialogado dos fondos que daría unha maior capacidade ás comunidades”. “A Administración Xeral do Estado quedou con máis da metade e reparte entre as comunidades só un 46%.”, expuxo.
Ademais, durante o encontro propúxoselle ao Ministerio que dea máis tempo para realizar as intervencións que sexan aceptadas nestes fondos. En concreto, solicitou que o prazo de 18 meses para estas actuacións empece a contar desde a celebración desta Conferencia Sectorial e non desde o pasado ano, como pretende o Ministerio.

Imaxes relacionadas