A Xunta impulsa accións de educación para o desenvolvemento no Salvador en colaboración con representantes da organización ‘Hip Hop feminino’

A visita a Galicia de dúas activistas salvadoreñas, que se reuniron con director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, enmárcase no proxecto "Activistas polo mundo que queremos 20021-2022", financiado polo Goberno galego

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, recibiu hoxe na sede da Dirección Xeral a Yesenia Karmelina Martines e Jennifer Alisson Rivas, integrantes de Hip Hop feminino O Salvador, que están a visitar Galicia da man das ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e Asemblea da Cooperación pola Paz.

Esta visita enmárcase no proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global “Activistas polo mundo que queremos 20021-2022", que está ser financiado pola Cooperación Galega, e que se desenvolve no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Universidades.

As dúas mozas integrantes de Hip Hop feminino O Salvador, primeira organización de mulleres rapeiras do país, dedícanse a dar charlas, obradoiros e concertos para facer visibles os dereitos humanos, as loitas sociais, e os diferentes tipos de violencia cara á muller, mostrando o hip hop como unha ferramenta para o activismo (Artivismo) e a promoción da cultura de paz. Na súa visita aos centros educativos galegos compartirán co alumnado a súa experiencia, amosándolle como outras mulleres doutras latitudes se organizan e participan para intentar reducir as inxustizas e as desigualdades na súa contorna.

Jesús Gamallo puido coñecer de primeira man, a través da testemuña das dúas mozas salvadoreñas, como está neste momento a situación política e social no Salvador, un dos países máis perigosos do mundo para ser muller.

Imaxes relacionadas