Fernández-Tapias visita as 14 alumnas ucraínas que cursan os seus estudos no conservatorio superior de música de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, interesouse pola súa situación persoal e a dos seus familiares tras a invasión en Ucraína

Ofreceulles a man tendida do Goberno galego para asesoralas e acompañalas no que sexa preciso durante a súa estancia na cidade, en canto a atención ou apoio

Vigo, 7 de abril de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSM) onde puido reunirse coas 14 alumnas ucraínas que están a cursar os seus estudos superiores neste centro no marco do programa Erasmus+ da Unión Europea.

Un encontro no que a representante autonómica non deixou pasar a oportunidade de interesarse pola súa situación persoal e a dos seus familiares tras a invasión en Ucraína. E neste contexto, ofreceulles a man tendida do Goberno galego para asesoralas e acompañalas no que sexa preciso durante a súa estancia na cidade, en canto a información, atención ou apoio.

Asemade, Fernández-Tapias, quen estivo acompañada polo director do Conservatorio Superior de Música, Esteban Valverde Corrales, anunciou que dez destas alumnas ofrecerán de balde un concerto o vindeiro 21 de abril no Auditorio Martín Códax do CSM, “co obxectivo de visibilizar o talento destas músicas e como un acto de sensibilización sobre o que está a acontecer no seu país de orixe”, aseverou a delegada.

Neste sentido, indicou que a Xunta púxose a traballar desde o minuto cero na acollida dos refuxiados que chegan a Galicia, para poder prestarlles os servizos que o Goberno galego está en disposición de ofrecerlles e paliar así, na medida do posible, a crise humanitaria xerada do conflito bélico.

Como exemplo, citou a resolución que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade remitiu aos centros para a escolarización inmediata dos nenos en idade escolar. Na actualidade, hai 6 nenos escolarizados nos centros vigueses. Tamén se referiu ao protocolo elaborado pola Consellería de Sanidade para poder prestarlles a atención que precisan.
 

Imaxes relacionadas