Luis López salienta que a Xunta investirá 240 M€ na cidade de Pontevedra a curto prazo en obras e servizos públicos estratéxicos

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra explicou, na clausura da asamblea xeral do Foro Empresa Pontevedra, que esta contía despregarase entre o presente exercicio e os anos 2023 e 2024 e supón unha media duns 1.000 euros por habitante

O representante autonómico pon en valor “o traballo e liderado do sector empresarial de Pontevedra e Galicia para impulsar a espectacular transformación e modernización que vive a comunidade autonómica dende a última década”

Lembra que a Consellería de Economía, Empresa e Innovación vai adicar 490 M€ este ano ao sector con especial peso para as iniciativas de innovación, exportación e internacionalización, dixitalización e modernización

Tamén destaca que Galicia ascendeu á cuarta comunidade máis exportadora de España, con 25.000 M€ vendidos ao estranxeiro en 2021, e que a provincia de Pontevedra encabeza estas accións cun volume de case o 50%, cifrado en 12.000 M€

Pontevedra, 7 de abril de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, salientou este mediodía, na clausura da asamblea xeral do Foro Empresa Pontevedra, que o Goberno galego vai investir máis de 240 millóns de euros na cidade de Pontevedra a curto prazo en obras e servizos públicos estratéxicos con planificación de carácter plurianual.

O representante autonómico concretou que, entre o presente exercicio e os anos 2023 e 2024, o que vén a ser a horizonte total da lexislatura autonómica, a Xunta vai destinar máis de 240 millóns de euros “a actuacións fundamentais e estratéxicas para completar a modernización de Pontevedra, pero a contía será aínda superior con outros investimentos de menor calado ou complementarios”. Así, indicou que neste ano vanse adicar 77 millóns a estes investimentos principais e esta contía replicarase practicamente de modo idéntico nos dous anos seguintes, “o que suporá manter o elevado ritmo de actuacións a unha media duns 1.000 euros por habitante e ano”.

Entre estas obras, Luis López concretou que se trata do Hospital Gran Montecelo (130 millóns na primeira fase), o saneamento da ría (51 millóns), o plan de mobilidade na vella estrada de Marín, Xeve e Marcón e coa creación de aparcadoiros e paradas de bus (14 millóns), as rehabilitacións dunha decena de colexios e institutos (14 millóns), a estación intermodal (6 millóns), a creación ou reforma de residencias de maiores (15 millóns) e outros investimentos turísticos, deportivos, sociais e culturais.

Por outra banda, o delegado territorial tamén se dirixiu aos industriais pontevedreses para aplaudir e poñer en valor “o traballo e liderado despregado polo sector empresarial de Pontevedra e de toda Galicia para impulsar a espectacular transformación e modernización que está a vivir a comunidade autónoma na última década”.

“Aceleramos a converxencia coas demais rexións españolas e europeas, medramos a renda por habitante e os índices empresariais moi por riba da media nacional, alcanzamos un elevado grao de modernización e progreso industrial, dotámonos de servizos públicos de primeiro nivel, asaltamos o podio das comunidades exportadoras e incrementamos o estado de benestar, cuestións que demostran o noso avance e que non teríamos conseguido sen o traballo dos empresarios”, manifestou.

Récord de exportacións na provincia

Neste punto, o representante autonómico detívose no aspecto das exportacións, xa que Galicia acadou a cifra récord de 25.000 millóns de euros vendidos ao estranxeiro no pasado ano 2021 e situouse como a cuarta comunidade de España neste parámetro. “Unha proba inequívoca do bo traballo das empresas vese nas exportacións, que demostran que os nosos produtos e ideas xeran riqueza e espertan interese en todo o mundo e, neste caso, a provincia de Pontevedra volveu amosar o seu liderado con 12.000 millóns de facturación, case o 50% de toda Galicia, e cun ascenso do 11% malia ser un ano complexo pola pandemia”, explicou Luis López.

Finalmente, o delegado territorial destacou que a acción empresarial “está a vir acompañada e a ser apoiada decididamente pola Xunta de Galicia, que ten unha especial sensibilidade co sector como fonte de riqueza, dinamización económica e emprego e sempre está disposta a atender as súas necesidades e a converter os seus proxectos en proxectos de país”.

Ao respecto, indicou que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e innovación vai adicar este ano 490 millóns de euros ao sector empresarial con especial peso para as iniciativas de innovación, exportación e internacionalización, dixitalización e modernización, aínda que o respaldo da Xunta á industria galega é transversal e practicamente todos os departamentos autonómicos contan con fondos para accións de colaboración con industrias, empresas, fábricas, negocios, pemes, autónomos e establecementos comerciais, turísticos e de hostalería.

Imaxes relacionadas