Fernández-Tapias entrega dúas novas vivendas no casco vello vigués

Trátase do segundo e terceiro andar da rúa Berbés 29, unha das últimas promocións do organismo rehabilitador na fachada marítima do barrio histórico

A presidenta do CCVV e delegada da Xunta en Vigo puxo en valor a importancia de promover vivendas de promoción pública na cidade coa maior demanda

Vigo, 7 de abril de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, vén de formalizar ante notario a venda de dúas novas vivendas no barrio histórico, concretamente no número 29 da Ribeira do Berbés. Segundo informou, trátase do segundo e terceiro andar desta promoción, unha das últimas xa rematadas polo organismo rehabilitador na fachada marítima do casco vello vigués.

Ao fío, Fernández-Tapias fixo referencia ao terceiro inmoble destinado a vivenda no que se intervirá na Ribeira do Berbés, concretamente do número 39. Foi a última operación pechada no 2021 coa que, en palabras da representante autonómica, “seguimos a recuperar a fachada marítima, tras a rehabilitación dos número 29 e 31, a construción do albergue público de peregrinos e a sede da Universidade de Vigo”.

Neste sentido, a presidenta do CCVV destacou a intensa labor de rehabilitación desenvolvida polo ente desde a súa constitución. “Seguimos apostando por cumprir cos obxectivos marcados xa que, aínda que se avanzou moito na reconstrución do casco vello, queda moito por facer”, dixo, en clara referencia ao ambicioso plan de actuación dos vindeiros catro anos que contempla a compra de 25 novas edificacións.

Así, recordou que desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 88 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA).

Maior colaboración

Fernández-Tapias incidiu na importancia da colaboración entre administracións e aproveitou para solicitar ao goberno local “maior proactividade” activando os mecanismos urbanísticos que permitirían ao Consorcio Casco Vello de Vigo intensificar a adquisición de inmobles.

Reiterou así a petición ao Concello para que habilite as ferramentas expropiatorias que permitirían desbloquear a rehabilitación de edificios cando non é posible acceder ao solo mediante a súa compra.

Nesta mesma liña, se pronunciou respecto á sede do Centro de Arte Contemporánea (CGAC), a aposta da Xunta para un dos edificios contiguos ao albergue de peregrinos na fachada do Berbés, sobre a que desexou que os representantes municipais no Consorcio levanten o veto.

Imaxes relacionadas