A Xunta convoca a primeira edición do novo fondo de proxectos culturais ‘Tece redes en galego’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta esta nova iniciativa, dotada con 500.000€ ,que amplía as iniciativas dos últimos anos

As persoas e entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes entre os días 9 e 25 de abril a través da Sede Electrónica do Goberno autonómico
 

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

A Xunta convoca a primeira edición de TeCe Redes en Galego, o novo repositorio de proxectos dixitais e servizos presenciais creado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. Dotado cunha cantidade inicial de 500.000 euros, esta iniciativa nace co obxectivo de fornecer de materiais e actividades un programa de dinamización lingüística e de transmisión xeracional dirixido a un público infantil, xuvenil e familiar.

Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou que se amplía así o fondo “despois da acollida recibida nas edicións anteriores” pero centrada, desta volta, en dinamizar o uso da lingua galega na infancia e na mocidade, para “favorecer unha asociación positiva dos nenos e das nenas e da xuventude coa lingua galega mediante actividades dinamizadoras atractivas e tamén a través dos novos espazos do universo dixital e audiovisual”, indicou.

TeCe Redes en Galego incorpórase como una nova sección dentro do Fondo Xacobeo 21-22 co fin de “transmitir, comunicar e tecer redes”. Este último termo, que lle dá nome á convocatoria, refírese tanto á canle dixital de comunicación social como á manifestación da actitude colectiva de tecer redes susceptibles de estender o vínculo afectivo co galego e de crear unha comunidade, cada vez máis ampla, de persoas novas.

A diferenza das anteriores convocatorias do fondo, que incluían a modalidade de proxectos materiais, as propostas presentadas poderán ser unicamente presenciais (orixinais e inéditas ou non), dixitais (orixinais e inéditas) ou mixtas e a contía máxima que poderá recibir cada un deles será de 10.000 euros.

Todas aquelas empresas, cooperativas e profesionais do sector cultural, creativo e artístico vinculadas cos procesos de dinamización da lingua galega no desenvolvemento da súa actividade poderán presentar as súas solicitudes entre os días 9 e 25 de abril a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. Neste senso, outra novidade respecto das anteriores convocatorias é que a dita solicitude, da que pode verse un modelo anexo I da convocatoria, non se presenta como tal a través do procedemento PR004A, senón que se elaborará a través da aplicación web dispoñible no Portal da Lingua Galega.

O que si se mantén é a incompatibilidade das iniciativas propostas con outras axudas recibidas da Xunta de Galicia ou doutras entidades para o mesmo proxecto, co fin de poder chegar ao maior número de beneficiarios posibles. Por outra banda, as comisións de valoración analizarán ata un máximo de 500 proxectos segundo a orde de entrada.

As bases completas, así como o a guía do procedemento de participación, poderán consultarse no Portal da Lingua Galega. Ademais, as persoas interesadas poderán dirixir as súas dúbidas e consultas ao teléfono 687 041 884 ou ao correo electrónico tcr-galego@xunta.gal.

Imaxes relacionadas