O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participaron na xuntanza institucional que dará paso á primeira mesa temática

A Xunta inicia a segunda fase do proceso participativo para a elaboración do plan integral de recuperación da área sur oriental de Ourense cunha mesa sobre o turismo

En total, haberá talleres en cada un dos 10 concellos implicados e cinco mesas temáticas para priorizar e recoller máis propostas de dinamización do territorio, tras rematar coa primeira fase do proceso na que participaron preto de 80 axentes

Este plan contempla un orzamento de 140.000 euros, que estarán financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Turismo de Galicia, a Deputación de Ourense e a Fundación Juana de Vega

Verín (Ourense), 7 de abril de 2022

A Xunta inicia hoxe a segunda fase do proceso de participación pública para a elaboración do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense. Así, o conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu por videoconferencia e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acudiu de xeito presencial á xuntanza institucional deste mediodía en Verín cos alcaldes implicados, que dará paso pola tarde a unha mesa temática sobre o turismo, o patrimonio e o viñedo, na que participarán diversos axentes relacionados.
Na súa intervención, o conselleiro sinalou que parte deste plan se desenvolverá ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que contempla numerosas actuacións para fixar poboación neste territorio e fomentar a súa recuperación, dinamización e posta en valor. Neste senso, José González explicou que se prevé actuar nunha zona especialmente afectada polos incendios forestais empregando diversos instrumentos incluídos na Lei, polo que solicitou a implicación dos rexedores tanto para localizar posibles aldeas modelo como para identificar novas actividades agrarias que se poidan promover na comarca con estas ferramentas.
Pola súa parte, a directora xeral incidiu na necesidade de establecer unha planificación orientada á anticipación dos incendios e á recuperación e posta en produción da terra agraria co obxectivo de crear emprego no sector primario, para o que se conta xa -dixo- cun instrumento recentemente regulado na Lei de recuperación da terra como é o Catálogo de solos agropecuarios e forestais. Nesa liña, engadiu que no presente plan se elaborará un catálogo da bisbarra, o primeiro a nivel comarcal. A maiores, Inés Santé fixo un chamamento á participación nesta segunda fase do proceso de elaboración do proxecto que dinamizará un total de 10 municipios.
Precisamente no marco desa segunda fase, a de hoxe será a primeira das cinco mesas temáticas que terán lugar, ademais dos talleres participativos que se desenvolverán en cada un dos 10 concellos involucrados (Verín, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Laza, Castrelo do Val, Vilardevós, Riós, A Gudiña e A Mezquita), tras a primeira fase de entrevistas e acompañamentos na que participaron un total de 78 persoas e entidades.
En concreto, ademais da centrada no turismo, o patrimonio e o viñedo programada hoxe, as mesas abordarán outros aspectos de relevancia como o sector agrogandeiro, o sector forestal, a eurocidade Chaves-Verín e os núcleos rurais.
Canto aos talleres, que se prevén a partir da segunda quincena deste mes de abril, valorarase a relevancia do recollido na primeira fase do proceso e deseñaranse novas propostas de dinamización para os sectores que conforman o Plan integral (agrogandeiro, forestal, turístico e patrimonial), facendo fincapé na identificación de terras que poidan ser postas en valor mediante algunhas das figuras que recolle a Lei de recuperación da terra agraria.

O Plan

Cómpre lembrar que o obxectivo fundamental do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense é a elaboración dunha folla de ruta estratéxica para o desenvolvemento sustentable do territorio, que actuará como un modelo de xestión integrada. Deste xeito, perséguense solucións de sustentabilidade, tanto ambiental como económica, para a mellora da resiliencia do territorio fronte ao lume, así como para a dinamización turística do territorio atendendo aos seus valores patrimoniais, naturais e paisaxísticos.

Cómpre lembrar que este plan estase a elaborar a través dun convenio -dotado con 140.000 euros- entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería do Medio Rural, a Deputación de Ourense e os 10 municipios mencionados. Parte da iniciativa desenvolverase ao abeiro da Lei de recuperación da terra, que contempla numerosas actuacións para fixar poboación neste territorio e para fomentar a súa dinamización.

Imaxes relacionadas