Galicia Calidade destaca a aposta pola excelencia das empresas certificadas Patatas Conde (Xinzo) e Quesos Feijoo (Celanova)

A xerente do organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Ana Méndez, mantivo encontros cos responsables destas compañías que contan con selo de garantía autonómico para coñecer as súas propostas

Ourense, 7 de abril de 2022

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, visitou hoxe dúas das empresas certificadas polo selo de garantía na provincia de Ourense, co fin de explicar as liñas de actuación do organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para este ano e para recoller as opinións, suxestións e achegas das compañías.

En Xinzo de Limia reuniuse cos responsables de Patatas Conde, empresa que naceu a comezos da década dos setenta nun pequeno almacén de Ourense coa misión de repartir e distribuír patacas por toda a cidade, e xa na década dos oitenta ampliou o seu campo social á venda por xunto de patacas, para o que se trasladou á zona produtora, en Xinzo de Limia, e deste xeito iniciou a comercialización do produto en todo o territorio nacional e a exportación.

Por outra banda, Méndez reuniuse cos responsables de Quesos Feijoo, compañía de carácter familiar que naceu coa expectativa de satisfacer ao consumidor a través dun produto natural e artesán. A empresa está localizada en Celanova e busca afianzarse en países como México, Portugal ou Italia, entre outros.

Nestas xuntanzas a responsable de Galicia Calidade destacou a aposta pola excelencia destas compañías e do conxunto das 150 empresas certificadas que contan co selo de garantía, con máis de 600 produtos e servizos certificados de 150 empresas, que engloban os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e planta ornamental.
 

Imaxes relacionadas