A Xunta inviste 650.000€ na posta en marcha dun complexo recreativo en Abegondo para desfrute de veciños, turistas e peregrinos

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, visitou o campamento turístico da área recreativa do encoro de Beche e a zona na que se vai construír unha piscina e unha zona axardinada

O complexo pretende dar servizo á veciñanza pero tamén ofrecer aloxamento aos peregrinos do Camiño Inglés no espazo de lecer creado na contorna do encoro, a única presa navegable da provincia da Coruña

Alfonso Rueda subliñou que O Camiño estase a afianzar en pleno Xacobeo xa que “nesta última semana, a primeira de abril, acadou o triplo de peregrinos que en todo o mes de abril do ano pasado”
 

Abegondo, 7 de abril de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o campamento turístico da área recreativa do encoro de Beche, na parroquia de Folgoso, levantado cunha achega do Goberno galego de 500.000 euros e que agora vai ser ampliado coa construción dunha piscina e unha zona axardinada que contarán cunha axuda de 150.000 euros do Goberno autonómico.
Nun percorrido pola área no que estivo acompañado polo alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, o vicepresidente primeiro coñeceu as cabanas turísticas levantadas nas inmediacións do encoro e que axudan a poñer en valor unha área que xa é un referente pola súa zona de esparexemento e pola oferta deportiva que se pode practicar no encoro de Beche -a única presa navegable da provincia da Coruña acondicionada para a práctica da pesca deportiva ou a vela lixeira- ou na súa contorna -como o ciclismo ou o sendeirismo-.
Alfonso Rueda destacou os atractivos do complexo por casar co modelo que esixe o turista de hoxe en día e coa oferta de calidade e sustentable que ofrece Galicia, caracterizada por espazos abertos e non masificados e alternativas de lecer singulares e diferenciadas. “É un servizo do que poderán facer uso tanto os veciños como os turistas e peregrinos atraídos a Galicia por un Xacobeo que pensamos que vai superar todas as expectativas”, indicou o vicepresidente primeiro.
O Goberno galego seguirá colaborando co Concello de Abegondo na ampliación da área recreativa, que contará no futuro cunha piscina e unha zona axardinada que incrementará aínda máis os atractivos dun complexo situado nun lugar estratéxico, a medio camiño entre Ferrol e Abegondo e punto de encontro entre os peregrinos que realizan o Camiño Inglés partindo de Ferrol e os que o fan da Coruña.
Alfonso Rueda subliñou que o complexo é un atractivo máis para a posta en valor dunha ruta en continuo crecemento que no que vai de ano computou xa 708 Compostelas e que é a terceira opción preferida polos peregrinos que fan o Camiño, por detrás do Francés e o Portugués.
Alfonso Rueda subliñou que O Camiño estase a afianzar en pleno Xacobeo xa que “nesta última semana, a primeira de abril, acadou o triplo de peregrinos que en todo o mes de abril do ano pasado”. De feito, entre o 1 e o 7 de abril rexistráronse 3.300 peregrinos, cando na primeira semana do mes de abril do 2021 foron pouco máis de 1.000.
 

Imaxes relacionadas