A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, achegouse ás actividades que se celebraron na capital dezá

O Espazo Xove de Lalín acolle catro obradoiros dirixidos á mocidade no marco do programa Primavera Xove

Celébranse talleres de graffiti, beatbox e rap; de novas tecnoloxías; de cócteles sen alcol e de música urbana

Esta é a segunda Feira de Primavera Xove que tamén pasará por Curtis, Pontedeume, Carballo, Vilalba, Noia, Betanzos, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Chantada e Tui

Lalín (Pontevedra), 7 de abril de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, achegouse esta mañá á segunda feira do programa Primavera Xove, que se celebra no Espazo Xove de Lalín. Esta iniciativa, posta en marcha pola Xunta de Galicia, procura achegar á xuventude galega un completo calendario de lecer educativo seguro, así como divertido e formativo.

Durante toda a xornada de hoxe celébranse actividades centradas na mocidade. O primeiro obradoiro foi de graffiti, beatbox e rap, impartido pola entidade Vella Escola, especializada na cultura urbana. O segundo taller centrouse na promoción do uso responsable das novas tecnoloxías na mocidade, a cargo do psicólogo Xurxo Salgado.

Pola tarde celébranse dous máis, un de cócteles sen alcol, impartido por Eduvía; e outro de música urbana que realizará Matías Zelarayán, que forma parte do grupo de rap galego TIAM Gz. Para rematar a xornada, tamén se organizou unha sesión de animación fotográfica.

Nas diferentes actividades que se celebraron esta mañá, participaron uns sesenta alumnos do Instituto de Educación Secundaria Laxeiro lalinense. Para as actividades vespertinas a inscrición é libre.

Outras datas

Esta Feira de Primavera Xove terá cinco datas máis. O día 8 celebrarase nos concellos de Curtis, Pontedeume, Carballo e Vilalba; o día 22 en Noia e Betanzos; o 28 de abril será en Ourense; o 29 en Vilagarcía de Arousa e Chantada; e o 6 de maio celebrarase en Tui a última destas feiras.

Cómpre recordar que Primavera Xove está conformada por tres formatos de acción diferentes que se desenvolverán durante dous meses e que están dirixidos a ofrecer alternativas de ocio a mozas e mozos a partir dos 14 anos. A oferta desta nova edición distínguese entre as Feiras Primavera Xove nos 12 espazos xoves dependentes da Xunta de Galicia; o programa de Semana Santa e de fin de semana en albergues xuvenís e os encontros formativos e de networking nos campus universitarios, que hoxe abriron a súa inscrición para anotarse.

Estadías de fin de semana

Con respecto as estadías de fin de semana, ofértanse un total de 600 prazas en distintas instalacións, como o albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo), o albergue xuvenil As Sinas (Vilanova de Arousa), o albergue Marina Española (Sada), o albergue xuvenil Area (Viveiro), o campamento xuvenil de Pontemaril (Forcarei), o albergue xuvenil Lug 2 (Lugo), a Residencia de Tempo Libre do Carballiño ou a estación de montaña de Manzaneda (A Pobra de Trives). As persoas ás que se lles adxudique unha praza deberán aboar un prezo de 25 euros para as actividades de fin de semana e de 150 euros para as de Semana Santa.

Actividades nos campus universitarios

Así mesmo, cada xornada nos campus universitarios, dirixidas á mocidade de 18 a 30 anos, estará enfocada nun eido concreto e os relatores serán profesionais galegos de relevancia en cada un deles. Concretamente, ofertaranse 5 tipos de actividades diferentes, que percorrerán os campus da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense ao longo de 5 mércores dos meses de abril e maio. As temáticas das accións serán as seguintes: Innovación e innovadores no mundo dixital, Medioambiente e sostibilidade, Educación emocional, Talento mozo e Cultura e creatividade.

Imaxes relacionadas