A Xunta licita as obras de acondicionamento das beirarrúas na estrada PO-504 en Sanxenxo, que suporán un investimento de preto de 223.000€

A Consellería de Infraestruturas prevé comezar estas obras no mes de setembro

Trátase de actuacións encamiñadas a mellorar a accesibilidade peonil e a seguridade viaria ao longo da estrada PO-504, entre os puntos quilométricos 0+680 e 4+450

A intervención acometerase de xeito simultáneo coas obras de mellora de seguridade na mesma estrada, superando en total 1 M€ de investimento nesta vía autonómica

As empresas interesadas dispoñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 3 de maio

 

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

A Xunta licitou hoxe as obras do acondicionamento das beirarrúas na estrada PO-504 en Sanxenxo, que suporán un investimento de preto de 223.000 euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica xa a contratación desta intervención, establecendo un prazo para a presentación de ofertas que rematará o vindeiro 3 de maio.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé comezar estas obras tras o verán, previsiblemente no mes de setembro.

Trátase de actuacións encamiñadas a mellorar a accesibilidade peonil e a seguridade viaria ao longo da estrada PO-504, entre os puntos quilométricos 0+680 e 4+450.

Co deseño proxectado conséguese dar continuidade, pola marxe esquerda da estrada, a un itinerario de ancho axeitado para facilitar o paso dos peóns, ao mesmo tempo que se ordena o aparcadoiro e se melloran os vaos.

De xeito máis detallado, levaranse a cabo a ampliación da beirarrúa existente, onde esta non dispoña de anchura suficiente, e a creación de novos treitos de beirarrúa onde non existan.

Tamén se inclúen no proxecto a renovación de baldosas deterioradas na beirarrúa existente na marxe esquerda, a elevación da cota de beirarrúa, a reordenación do aparcadoiro na marxe esquerda ou a instalación de vallas de protección de contedores.

Ademais executaranse novos sumidoiros, procederase á reubicación de semáforos e iluminación, instalación de vallas de protección, repintado e creación dun novo paso de peóns no punto quilométrico 1+230.

Esta actuación complementa a mellora de seguridade viaria na estrada PO-504, entre os puntos 1+300 e 3+000, licitada o 11 de marzo por un importe de máis de 812.000 euros. Así, ambas as intervencións, que se desenvolverán de xeito simultáneo, sumarán un investimento nesta estrada superará o millón de euros.

O Goberno galego continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.