Meteogalicia sinala que marzo foi un mes húmido e normal en temperatura na comunidade

O terceiro mes do ano tivo dúas partes claramente diferenciadas: unha primeira quincena invernal, con precipitacións e baixas temperaturas, e unha segunda máis seca, con temperaturas superiores ao normal nesta época do ano

A borrasca Celia achegou unha masa de aire de orixe norteafricano que, ademais de facer subir as temperaturas, deixou unha importante entrada de po sahariano, converténdose no fenómeno máis salientable do mes

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

O mes de marzo na Comunidade galega pechou como un período húmido e normal en temperatura. Está é unha das principais conclusións que recolle o informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, dispoñible na súa páxina web.

O terceiro mes do ano tivo dúas partes claramente diferenciadas, cunha primeira metade na que predominaron as situacións invernais, con precipitacións e baixas temperaturas, e unha segunda máis seca, con temperaturas algo superiores ao normal para esta época do ano, aínda que sempre con certa inestabilidade e con poucos días de ceo aberto. Así, en termos xerais, as chuvias foron superiores ás normais e as temperaturas medias non se afastaron demasiado dos valores normais neste mes.

Marzo comezou cunha primeira xornada na que se rexistrou a visita dunha fronte fría, que deixou chuvias en toda a Comunidade, e a derradeira xornada tamén quedou marcada polo paso dunha fronte fría, con chuvias xeneralizadas e unha importante baixada das temperaturas.

Asemade, Galicia, desde o día 7 ata o 14, rexistrou a chegada de borrascas e frontes de xeito continuo que deixaron chuvias intensas ao longo deste período e ventos que por momentos sopraron con intensidade.

Ademais, o día 15 a borrasca Celia achegou unha masa de aire de orixe norteafricano que, ademais de facer ascender as temperaturas, deixou unha importante entrada de po sahariano que se converteu no fenómeno máis salientable do mes.

Temperatura

As temperaturas comezaron o mes cunha clara anomalía negativa, pero foron recuperando parte do perdido na segunda quincena, aínda que a presenza de nubes medias e altas fixo que os valores nestes días non fosen moi elevados.

O valor medio da temperatura máxima de marzo foi de 13.8 ºC, e foi nas localidades limítrofes co Miño ourensá nas que se rexistrou o valor máis alto: 18.6 ºC. En canto á temperatura media mínima, situouse nos 4.7 ºC, sendo o rexistro máis baixo os 1.8 ºC do macizo de Manzaneda e de Pena Trevinca.

Precipitación

Segundo os datos rexistrados, no mes de marzo a precipitación media acumulada foi de 126 L/m2. Os rexistros máis elevados situáronse nos 285 L/m2 na comarca do Sar, seguidas polas do Xallas e A Barcala; o contrapunto atopouse nalgunhas localidades de Valdeorras, con valores en torno aos 20 L/m2.

Novo modelo de predición de MeteoGalicia

MeteoGalicia -o organismo referente climatolóxico e científico, a nivel nacional e europeo- conta cun novo modelo de predición meteorolóxica, que ofrece unha resolución para 1 quilómetro fronte aos 4 quilómetros do anterior.

Isto significa que se disporá de información sobre a previsión do tempo, as precipitacións, a temperatura ou o vento cun maior nivel de detalle, ao tempo que se melloran os prognósticos de factores determinantes a nivel local.

Esta ferramenta será de utilidade para o cidadán en xeral e tamén para o tecido económico-empresarial, xa que contarán con información máis detallada e precisa á hora de coordinar as súas tarefas produtivas coa meteoroloxía e planificar os traballos diarios ou semanais.

Imaxes relacionadas