A Xunta anima aos mozos universitarios a participar nos encontros formativos e de networking do programa Primavera Xove

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta tarde na actividade celebrada no campus de Santiago

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe no encontro formativo e de networking organizado no campus universitario de Santiago no marco do programa Primavera Xove. Durante o acto animou á mocidade a participar nestes espazos deseñados para ofrecer á xuventude actividades de ocio e aprendizaxe activa.

Estas xornadas están dirixidas á mocidade de 18 a 30 anos e percorren os campus universitarios galegos da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense ao longo de cinco mércores dos meses de abril e maio. As temáticas das accións serán Innovación e innovadores no mundo dixital, Medioambiente e sostibilidade, Educación emocional, Talento mozo e Cultura e creatividade.

O programa Primavera Xove está conformado por tres formatos de acción diferentes que se desenvolverán durante dous meses e que están dirixidos a ofrecer alternativas de ocio a mozas e mozos a partir dos 14 anos. A oferta desta nova edición distínguese entre as Feiras Primavera Xove nos 12 espazos xoves dependentes da Xunta de Galicia; o programa de Semana Santa e de fin de semana en albergues xuvenís e os encontros formativos e de networking nos campus universitarios, que hoxe abriron o prazo de inscrición para anotarse.

Imaxes relacionadas