O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o alcalde de Lalín inauguran a exposición coa que se conmemora o Ano Laxeiro no Museo Municipal Ramón María Aller

A Xunta inicia en Lalín a itinerancia da mostra conmemorativa do ano Laxeiro para homenaxear a un dos maiores xenios da arte galega na súa vila natal

‘Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970)’, que pode visitarse ata o 5 de xuño, poderá verse despois en Madrid, Santiago de Compostela e París

Román Rodríguez salienta “a importancia de iniciar este percorrido polo lugar no que comezou todo, para continuar despois reivindicando o peso que tivo Laxeiro na pintura vangardista dentro e fóra de Galicia”

O tamén artista dezano Antón Lamazares homenaxea a quen considera “a figura máxima da pintura e a alma de Galicia” cunha obra realizada para conmemorar esta exposición
 

Lalín, 6 de abril de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, inauguraron esta tarde no Museo Ramón María Aller da capital do Deza Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), exposición coa que se conmemora o Ano Laxeiro e que inicia precisamente no municipio natal do artista unha andadura que levará a Madrid, Santiago e París a obra do que é considerado o gran pintor galego do século XX.

A Xunta de Galicia e o Concello de Lalín organizan a mostra ao abeiro da decisión da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicar a Laxeiro o Día das Artes deste 2022, celebrado o pasado 1 de abril. Co obxectivo de reivindicar a importancia do artista máis alá de Galicia, a proposta conta co apoio de institucións como a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid), na que se formou o pintor, o Instituto Cervantes en París ou a Embaixada de España en Francia.

Durante o acto de inauguración, o responsable autonómico de Cultura, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, salientou o significado de iniciar o percorrido desta exposición en Lalín, “onde comezou todo, para continuar despois reivindicando o peso que tivo Laxeiro na pintura vangardista dentro e fóra de Galicia”.

“Trátase dunha retrospectiva especial, xa que supón unha nova ollada á súa obra, centrada neses vinte anos que pasou lonxe de terra, nos que non perdeu a súa esencia pero si evolucionou cara a obra tan característica que todos temos na nosa mente”, puntualizou Román Rodríguez.

Ao acto asistiron tamén comisario da exposición, Carlos L. Bernárdez; o pintor Antón Lamazares; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

O tamén pintor do Deza, Antón Lamazares, presentou na inauguración unha peza conmemorativa desta exposición titulada 2022!... LAXEIRO!, obra realizada para celebrar a “figura máxima da pintura e a alma de Galicia”.

Tras permanecer en Lalín ata o 5 de xuño, a seguinte estadía da exposición será na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid) do 22 de xuño ao 24 de xullo. De volta en Galicia, o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia acollerá a mostra do 29 de setembro ao 18 de decembro. Rematará, xa no 2023, do 19 de xaneiro ao 26 de febreiro e grazas ao apoio da Embaixada de España en París, no Instituto Cervantes da capital francesa.

Pezas da súa madurez en América

A exposición que se exhibe en Lalín reúne 30 pezas procedentes de coleccionistas privados e diversas institucións. As obras seleccionadas céntranse nas dúas décadas (1950-1970) nas que Laxeiro se instalou en Buenos Aires. “Foi a súa etapa de madurez cunha notable evolución formal na súa pintura, condicionada polo contacto cun mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego da capital arxentina”, explicou Carlos L. Bernárdez.

Algunhas das obras máis destacadas e representativas desa época de maior agresividade na pincelada do artista son Foi un home (1963), Xefe Azteca (1964) ou Retrato (1960-1970). Ademais, a retrospectiva complétase con pinturas de autores como Carlos Maside, Manuel Prego de Oliver, Manuel Pesqueira, Antonio Faílde, Luis Seoane ou Julia Minguillón, recreando simbolicamente a exposición de Buenos Aires de 1951 que motivou a marcha de Laxeiro a América. Así, exhíbense as obras Ruínas da guerra (1949) de Luis Seoane (a modo de representación como organizador desa exposición, aínda que el non participou con ningunha pintura) ou La Tyla y yo (1943) de Julia Minguillón.

Os Renovadores

A figura de José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996), enmárcase na vangarda histórica galega cando un grupo de novos artistas, Os Renovadores, iniciou un proxecto de actualización estética.

En 1931 recibiu un bolsa de tres mil pesetas por parte do Concello de Lalín para estudar como alumno libre na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. No ano seguinte, Laxeiro continuou formándose nesta institución cunha bolsa da Deputación de Pontevedra. En Madrid puido participar nos faladoiros de café con intelectuais galegos como Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Suárez Picallo ou Rafael Dieste. Ademais, durante ese tempo asiste ao café La Granja del Henar onde coñece a Gómez de la Serna ou a García Lorca.

En 1951 participa na exposición Artistas galegos, organizada por Luis Seoane por encargo do Centro Galego de Buenos Aires, na Galería Velázquez. Dende entón, fixa a súa residencia na capital arxentina incorporándose ao núcleo fundamental da cultura galega en América, xunto a Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Maruja Mallo, Manuel Colmeiro ou Isaac Díaz Pardo, entre outros moitos.

En 1970, despois da gran retrospectiva que lle dedica a Art Gallery International en Buenos Aires, regresa definitivamente a Galicia, animado tamén pola creación na súa terra natal do Museo Laxeiro. Falece en Vigo en 1996, aos 88 anos, pouco despois da inauguración da antolóxica que lle organizou o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago.
 

Imaxes relacionadas