Nava Castro destaca os avances de Galicia como destino termal de referencia grazas á creación de novos produtos e servizos poscovid

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor no Parlamento galego as medidas, accións e programas cos que a Xunta leva apoiando o desenvolvemento do tecido turístico termal

Destacou o cumprimento do Plan Termal 2014-2020 ou a posta en marcha do Plan de Sustentabilidade Turística Ourense Termal, no que a Xunta inviste 1,3M€

Nava Castro incidiu no apoio a Termatalia, á Cátedra de Hidroloxía Médica ou a iniciativas de apoio ao sector dos balnearios como Verán ou Outono Termal

O termalismo centrará o terceiro Plan Territorial que a Xunta desenvolverá no marco do plan de recuperación do tecido turístico, que se desenvolverá entre 2023-2026 con fondos europeos Next Generation

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022

O turismo termal centrou hoxe a intervención da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no Parlamento galego co obxectivo de poñer en valor os avances do destino Galicia neste segmento, que permitiron situar á comunidade como destino turístico termal de referencia mundial, grazas a aposta pola calidade e a innovación.
Na súa intervención Nava Castro, destacou que o termalismo é unha das grandes fortalezas turísticas de Galicia, grazas non só á enorme riqueza destes recursos naturais senón a capacidade de desenvolver un turismo termal centrado na creación de novos produtos e servizos con criterios poscovid cos que “desenvolver un turismo termal sustentable, seguro e de calidade, grazas á coordinación co sector e coas entidades asociadas e implicadas no desenvolvemento deste segmento”.
O apoio á creación e comercialización de novos produtos, combinando turismo termal e rural ou golf, a aposta pola investigación da man da Cátedra de Hidroloxía Médica -á que a Xunta aporta anualmente 40.000 euros e coa que se renovou convenio ata 2025- , a posta en marcha de programas como Verán e Outono Termal -que supuxeron o ano pasado un investimento de 175.000 euros-, así como o apoio a feiras especializadas como Termatalia, foron algúns dos exemplos que a directora de Turismo de Galicia debullou durante a súa intervención.

Normativa e plans termais

“Galicia foi pioneira en España á hora de ordenar o uso lúdico das augas termais, a través da Lei 8/2019 de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais”, explicou Nava Castro, quen puxo en valor o cumprimento do Plan Termal 2014-2020 e agora o desenvolvemento do actual Plan Ordinario de Sustentabilidade Turística, Ourense Termal, aprobado pola Conferencia Sectorial de Turismo en 2021 e dotado con 3,1 millóns de euros e que se desenvolverá no horizonte de actuación de tres anos.
Ourense Termal, no que o Goberno galego inviste 1,3 millóns de euros, nace co obxectivo de dinamizar e crear emprego na provincia en base a este recurso turístico, evitando tamén así o despoboamento das contornas rurais e fomentado o desenvolvemento dun tecido turístico sostible e adaptado á contorna.
Finalmente, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que, ademais do desenvolvemento deste plan de carácter ordinario, a Xunta aposta polo termalismo para o seu terceiro plan territorial de desenvolvemento turístico en destino, o Plan de Vilas Termais e Cascos Históricos, que se desenvolverá no marco temporal 2023-2026 cos fondos europeos Next Generation.
A través destas nosas accións e da aposta clara pola ordenación e posta en valor destes recursos e na súa transformación nun segmento turístico moderno, de calidade e competitivo, Castro destacou que o Goberno galego non só demostrou a súa aposta polo turismo termal se non que o segue facer baixo a firme convicción de que se trata “dun dos nosos maiores baluartes como destino turístico, un subsector que permite avanzar na desestacionalización turística e na creación de novas experiencias turísticas, ademais de apostar por un viaxeiro cun maior valor engadido”.
O turismo termal, que xera en Galicia un volume de negocio arredor dos 60 millóns de euros xera tamén un maior gasto diario, de 76 euros de media do visitante termal fronte aos 51 euros do visitante nacional que non fai uso destes servizos, segundo a Enquisa de Turismo de Residentes de 2019 do INE.

Imaxes relacionadas