A directora de Augas de Galicia presidiu esta mañá unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca, na que se analizou a situación hidrolóxica na demarcación de competencia autonómica

A Xunta amplía a declaración de prealerta por seca a toda a conca de Galicia-Costa como medida preventiva e para un seguimento máis exhaustivo da situación

Mantense o escenario actual nos sistemas de explotación do 1 ao 12, e esténdese o protocolo preventivo aos 7 sistemas da zona norte que ata agora presentaban niveis de normalidade

Non se prevé escaseza pero intensifícase o seguimento dos indicadores, dado que os caudais circulantes dos ríos se situaron en marzo en 85 m³/s, fronte aos 200 m³/s de xaneiro, inferiores á media da serie histórica

Confírmase a garantía de abastecemento nos grandes sistemas, onde os encoros presentan hoxe normalidade, cunha ocupación media do 81,92%

Constátase que marzo foi un mes húmido, cunha chuvia media rexistrada de 125 l/m², con precipitacións abundantes na primeira quincena

A recuperación dos caudais circulantes dos ríos require de continuidade nas precipitacións e as chuvias de marzo non foron suficientes para restablecer a normalidade

A Xunta mantén a anticipación ante un posible episodio futuro de escaseza de auga e incide na toma de conciencia sobre a necesidade do consumo responsable

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022

A Oficina Técnica da Seca da Xunta acordou esta mañá a ampliación da declaración do estado de prealerta por seca a toda a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa como medida preventiva e para realizar un seguimento máis exhaustivo, constatando que os sistemas de abastecemento de auga están garantidos.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, na que se acordou continuar coa escenario actual de prealerta nos sistemas de explotación do 1 ao 12 e estender o protocolo preventivo e de seguimento aos restantes 7 sistemas, correspondentes coa zona norte da demarcación de competencia autonómica e que ata agora presentaban niveis de normalidade.

Deste xeito, coa ampliación da declaración do estado de prealerta, intensifícase, tamén, o labor exhaustivo de control do estado dos sistemas de abastecemento do río Eume e ría de Ares; Ferrol; río Mera, ría de Santa Marta de Ortigueira e ría de Cedeira; río Sor, ría Santa Marta de Ortigueira e ría de Viveiro; río Landro e río Ouro; río Masma, e ría de Ribadeo.

Desde o pasado 7 de febrero está activado o protocolo de prealerta por seca nos sistemas de abastecemento do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; Costa de Pontevedra, río Lérez e ría de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa (marxe esquerda); río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita); río Tambre e ría de Muros; río Xallas, Costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o río Anllóns; río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; e río Mandeo e ría de Betanzos.

Os integrantes da Oficina da Seca reunidos hoxe, na que participan xunto aos técnicos de Augas de Galicia representantes de Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, determinaron a situación de prealerta en base o seguimento dos recursos hídricos existentes, que son inferiores aos habituais nesta época do ano. Aínda que non se prevén situacións de escaseza de auga, decidiuse intensificar o seguimento dos indicadores.

Máis en detalle, no encontro analizaron polo miúdo a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, constatando que se ben o mes de marzo poder considerarse húmido, principalmente debido ás precipitacións da primeira quincena, a situación arrastrada dos últimos meses reflicte unha situación inferior aos valores agardados. En marzo, a chuvia media rexistrada foi de 125 l/m², concentrándose, principalmente, nos primeiros quince días do mes.

En canto aos caudais circulantes polos ríos, os datos amosan un comportamento parello ás precipitacións. O caudal medio circulante subiu ata mediados do mes de marzo, producíndose unha progresiva baixada ata finais de mes, que fai que os caudais se manteñan por debaixo dos valores habituais para esta época do ano. Así, os caudais circulantes dos ríos situáronse en marzo en 85 m³/s, fronte aos 200 m³/s de xaneiro, sendo tamén inferiores aos rexistrados na serie histórica.

A recuperación dos caudais circulantes dos ríos require de certa continuidade nas precipitacións e as chuvias de marzo non foron suficientes para restablecer a normalidade dos niveis freáticos que alimentan os cursos fluviais.
Con todo, polo que se refire á garantía de abastecemento nos grandes sistemas, á vista dos gráficos que recollen a evolución dos correspondentes encoros, os técnicos da Oficina da Seca conclúen que todos eles están en situación de normalidade.
A ocupación actual dos encoros de abastecemento de Galicia-Costa é do 81,92%, manténdose en valores de ocupación media similares aos do pasado ano, cando rexistraban un 82,91%.
A ocupación do encoro das Forcadas é do 85%, do 97% en Eiras, do 74% en Cecebre e do 93% en Zamáns, manténdose en niveis similares aos rexistrados no mes de xaneiro.

Anticipación

Mediante a declaración de prealerta, a Xunta busca a anticipación ante un posible episodio futuro de escaseza de auga, e implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais recóllense medidas de concienciación da cidadanía.

Augas de Galicia intensifica así o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento e avaliando un abano máis amplo de indicadores. Ademais, segundo estable o Plan de Seca da Demarcación Galicia-Costa, aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 agosto de 2013, Augas de Galicia comunícalle formalmente aos municipios a activación nestes sistemas de explotación do ámbito competencial de Galicia-Costa do estado de prealerta hidrolóxica, de cara a realizar unha eficiente xestión da situación e para pór en marcha as medidas necesarias para paliar e diminuír, na medida do posible, os efectos dun posible escenario de seca.

Na comunicación aos concellos Augas de Galicia traslada medidas estratéxicas que se propoñen adoptar neste estado de prealerta, nas que se inclúen o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores de seca e o intercambio e actualización da información.

Tamén se incide nas medidas de concienciación cidadá acerca da escaseza de auga e da necesidade de aforro, a través de campañas e bandos municipais; así como no control do usos e detraccións do recurso desde o organismo de conca e o control dos usos a nivel dos concellos ou sistemas de abastecemento.

A Xunta lembra, ademais, que Galicia é unha comunidade mellor preparada para afrontar estes episodios, tras a aprobación dunha lei pioneira, a Lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de emerxencia sanitaria.

Dentro do espírito de colaboración, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, dentro do seu ámbito de competencia, e levar a cabo unha labor de concienciación cidadá e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu municipio.

Imaxes relacionadas