O cociñeiro Xoán Crujeiras achega ao alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra os produtos de Galicia Calidade

A quinta cita da Aula Gastronómica Galicia Calidade consistiu nun showcooking do chef do Restaurante Bido (A Coruña) ante unha vintena de estudantes

A xerente do selo galego, Ana Méndez, animou aos estudantes a afondar no coñecemento destes recursos e do traballo de chefs como Crujeiras

Pontevedra, 6 de abril de 2022

A Aula Gastronómica Galicia Calidade continúa a súa xira polos centros de hostalería da comunidade galega coa visita ao CIFP Carlos Oroza, de Pontevedra. Nesta ocasión, o chef invitado foi Xoán Crujeiras, quen realizou un showcooking para unha vintena de alumnos e alumnas do primeiro curso do Ciclo Superior de Dirección de Cociña do centro.

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, foi a encargada de presentar a iniciativa ao estudantado, a quen instou a aproveitar a oportunidade de afondar no coñecemento dos alimentos, bebidas e outros produtos baixo o selo galego, “uns recursos de gran nivel cos que a futura xeración da cociña en Galicia debe estar familiarizada”.

Ademais, a xerente do organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destacou o positivo de coñecer de primeira man o traballo de chefs como Crujeiras, referente da innovación na cociña galega. Bido, o restaurante do cociñeiro, conta tamén co selo Galicia Calidade. As e os estudantes presentes na demostración participan, ademais, no sorteo dunha comida ou cea no restaurante que elixan, de entre todos os implicados.

Na iniciativa colabora a Fundación Artesanía de Galicia mediante o proxecto Artesanía no Prato, que ten como finalidade xerar unha interrelación entre artesanía, deseño e gastronomía.

Menú Galicia Calidade

Xoan Crujeiras elaborou un menú composto por cinco pratos nos que combinou distintos produtos baixo a marca Galicia Calidade. Así, presentou pescada do Porto de Celeiro con escabeche emulsionado, piparra e fresas; ovo a baixa temperatura, pesto e escuma de queixo San Simón da Costa e colmenillas; polbo á prancha con grelos, pataca e touciño e demiglaçe de hortalizas asadas; patacas, mexillóns e escuma de mar; e costela de porco celta con lima-mel-kimchee e fabas de Lourenzá.

Nesta edición da Aula Gastronómica Galicia Calidade as marcas implicadas foron Jamones González, Granja Campomayor, Puerto de Celeiro, Queixería Daniberto, Rosa de los Vientos, Terras da Mariña, Conservas A Rosaleira e Mariscos Alumar, unha das incorporacións máis recentes ao selo galego.

Traxectoria profesional

O chef Xoan Crujeiras é un dos referentes da cociña galega contemporánea. Membro fundador do Grupo Nove, na súa traxectoria profesional desenvolveuse como xefe de cociña e deseñador da oferta gastronómica en establecementos como o restaurante O Dezaseis, en Santiago de Compostela ou A Estación, en Cambre.

Actualmente, Crujeiras encárgase da cociña, dirección e xestión do restaurante Bido (A Coruña), que conta con dous Soles Repsol, é restaurante recomendado na Guía Michelín e ten as certificacións de Q de Calidade Turística desde 2016 e o selo de Galicia Calidade desde 2017. Crujeiras compaxina o traballo en Bido coa súa labor como profesor técnico de Formación Profesional en Cociña e Pastelería no IES Fragas do Eume de Pontedeume.

Imaxes relacionadas