A Xunta destaca a colaboración e coordinación coas forzas e corpos de seguridade na busca de persoas desaparecidas

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, explicou hoxe no Parlamento galego que o CIAE 112 Galicia atendeu nos últimos 5 anos máis de 4.500 chamadas por incidencias deste tipo

Destacou o papel das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil nestas actuacións e incidiu no compromiso da Xunta para dotar a este colectivo do equipamento necesario para participar nestes operativos

A Axencia Galega de Emerxencias tamén mobilizou a Unidade Operativa de Drons do Grupo de Apoio Loxístico en máis de 70 ocasións
 

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe no Parlamento galego a colaboración da Xunta, a través da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), coas forzas e corpos de seguridade na busca de persoas desaparecidas. Nos últimos 5 anos, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, recibiu máis de 4.500 chamadas sobre desaparicións en Galicia, pasando de 723 en 2017 cunha media dun milleiro cada ano desde 2019.

Desde o CIAE 112 Galicia dase traslado de toda a información sobre calquera desaparición, en coordinación coas forzas e corpos de seguridade, para que resposta sexa a máis áxil e eficaz posible.

Segundo explicou Santiago Villanueva, ademais de informar destes casos á Policía Autonómica, á Policía Local, á Policía Nacional e á Garda Civil, tamén se poden mobilizar outros medios como as Agrupacións de Voluntarios e os servizos municipais de Protección Civil, os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), bombeiros e medios do servizo de prevención e extinción de incendios forestais, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), así como efectivos sanitarios, equipos caninos de busca ou a Unidade Operativa de Drons da AXEGA.

Neste último caso, os drons do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA foron mobilizados desde 2015 en máis de 70 ocasións. O director xeral de Emerxencias e Interior aclarou que, ademais de drons con cada vez maior autonomía, dotouse á AXEGA doutro equipamento para este tipo de actuacións, como novos vehículos 8x8 cos que chegar a zonas de difícil acceso, novos equipos de iluminación de apoio aos postos avanzados de búsqueda e rastrexo e equipos móbiles destinados á montaxe dos postos de mando e coordinación de busca en calquera lugar da comunidade.

Na mesma liña, incidiu no compromiso do Goberno galego no reforzo do equipamento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, un colectivo clave nestas incidencias. Co obxectivo de que poidan afrontar a súa participación nos dispositivos de busca de persoas desaparecidas, entre o material cedido a estas agrupacións inclúense vehículos, remolques de emerxencias con equipos de iluminación móbil, tendas de campaña para despregar nos operativos e embarcacións para a busca e rescate en medio acuático.

Santiago Villanueva sinalou ademais as actividades de formación levadas a cabo a través da Academia Galega de Seguridade (AGASP) dirixidas tanto ás forzas e corpos de seguridade como aos servizos de emerxencias para que conten coa preparación adecuada ante estas intervencións.

Por outra parte, o CIAE-112 incorporou un novo sistema de localización móbil avanzada AML que axuda a xeolocalizar ás persoas que realizan a chamada e, polo tanto, chegar antes ao lugar do suceso.