Medio centenar de taxistas da cidade de Vigo promocionarán o Xacobeo nos seus vehículos

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, agradeceu aos autopatróns a súa contribución á divulgación do Xacobeo, “que é bo para os vigueses como é bo para todos os galegos”

O acordo súmase ao asinado o ano pasado coa hostalería viguesa para sinalizar o Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola cidade, ante a negativa do alcalde de Vigo a permitir a colocación dos sinais que guían aos peregrinos

Vigo, 6 de abril de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou esta mañá na presentación dunha campaña de promoción do Xacobeo en Vigo á que sumaron medio centenar de taxistas que divulgarán o Ano Santo coa colocación nos seus vehículos de vinilos co lema do acontecemento internacional.

Alfonso Rueda agradeceu aos autopatróns a súa colaboración na promoción do Xacobeo, “que é bo para os vigueses como é bo para todos os galegos”. O vicepresidente primeiro recalcou a papel fundamental que teñen os taxistas para dar a coñecer un fenómeno universal aos turistas e peregrinos que se achegan á cidade. “Sodes un termómetro do estado do sector -subliñou Rueda-, e polo tanto, ocupades tamén un lugar estratéxico para animar a camiñar a Galicia”.

A campaña estenderase durante seis meses e sumáronse a ela 50 taxistas que hoxe mostraron os seus vehículos titulados coa publicidade do Xacobeo. Con esta iniciativa, a Xunta reafirma o seu compromiso co desenvolvemento económico e turístico da cidade olívica, tendo en conta que o Xacobeo está a ser un dos seus motores de recuperación en Galicia tralos anos de pandemia.

Alfonso Rueda recordou que esta iniciativa se suma ao acordo acadado o ano pasado coa hostalería viguesa para sinalizar o Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola cidade, ao non poder colocar os sinais nas rúas por non permitilo o Concello. O titular de Turismo da Xunta de Galicia lamentou que o alcalde, Abel Caballero, rexeitara esta posibilidade e reiterara en máis dunha ocasión a súa oposición ao Xacobeo. “Debe ser a única persoa no mundo que non recoñece un fenómeno universal de alcance internacional”, indicou Rueda. “Coa súa postura, o alcalde priva aos vigueses dos beneficios dunha oportunidade única para Galicia”.

As campañas de promoción do Xacobeo encádranse no compromiso da Xunta co desenvolvemento turístico de Vigo, como o demostra o feito de que o ano pasado abrira o primeiro albergue público da cidade ou que de cote se leven a cabo iniciativas de promoción do Camiño Portugués da Costa, que ao seu paso pola comarca de Vigo ofrece unhas fermosas vistas que atrapan cada vez a máis visitantes.

No que vai de ano, o Camiño Portugués pola Costa rexistrou 664 peregrinos, converténdose no cuarto itinerario máis transitado.

Imaxes relacionadas