A Xunta anima ás pemes da Costa da Morte a innovar para ser máis competitivas e medrar

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Vimianzo no encontro Camiño de futuro, unha iniciativa que realizará un total de 14 paradas por toda a xeografía galega para difundir os instrumentos de apoio ás empresas, así como dar a coñecer casos de éxito empresariais

Na xornada achegouse información sobre os diferentes programas de axudas que as empresas teñen ao seu dispor dos diferentes departamentos da Administración autonómica

Celebrouse tamén unha mesa redonda de casos de éxito con empresas da zona: o Hotel Bela Fisterra, aloxamento turístico comprometido coa sustentabilidade, e MIP Soluciones en Tecnología, empresa de deseño e implementación de solucións TIC

A seguinte parada é o venres na Oficina de Turismo en Noia ás 12 horas
 

Vimianzo, 6 de abril de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe no concello coruñés de Vimianzo no décimo encontro da iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio da Xunta de Galicia dirixidos a mellorar a súa competitividade e crecemento.

Patricia Argerey animou ás empresas da Costa da Morte a iniciar o camiño da innovación para ser máis competitivas e medrar. Argerey apuntou que actualmente é difícil afrontar os retos globais sen innovación e a Administración está aquí para acompañalas neste proceso. Precisamene, “as pemes son unha prioridade para a Administración autonómica, como motor da economía galega”, sinalou.

Con este obxectivo, púxose en marcha o Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que inclúe diferentes actuacións como liñas de axuda pensadas para empresas tradicionais e de sectores maduros que queren empezar a innovar, difusión da cultura da innovación para incrementar o número de pemes innovadoras, desenvolvemento de contidos formativos e ferramentas para que as pemes poidan avaliar a súa capacidade para innovar, difusión de casos de éxito de empresas innovadoras da contorna e asesoramento personalizado.

No encontro celebrado en Vimianzo técnicos de Gain e do Igape, así como os xerentes dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) e de Acción Local Pesqueira (GALP) GDR 22-Costa da Morte, GALP 3-Costa da Morte e GALP 4-Seo de Fisterra Ría de Muros e Noia, explicaron as diferentes convocatorias de axuda activadas pola Xunta.

Ademais, celebrouse unha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración para que a empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis. Neste caso, a cita con compañías innovadoras reuniu ás empresas Hotel Bela Fisterra, aloxamento turístico claramente comprometido coa sustentabilidade, e MIP Soluciones en Tecnología, dedicada ao deseño e implementación de solucións TIC.

En total, celebraranse catorce encontros de networking por toda a xeografía galega. A seguinte parada -tamén na provincia da Coruña- é o venres na Oficina de Turismo en Noia ás 12 horas. A iniciativa, organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta coa colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar, os grupos de desenvolvemento rural (GDR) e grupos de acción local pesqueira (GALP).

Camiño de futuro dá continuidade á iniciativa Camiño da Innovación, unha das primeiras actuacións do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que ao longo dos meses de novembro e decembro pasados percorreu a través dun espazo itinerante un total de 18 localidades das catro provincias galegas, realizando máis de 240 asesoramentos a pemes galegas e asistindo máis de 550 persoas aos encontros.

Máis información e inscrición neste enlace.
 

Imaxes relacionadas