O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias visitou as súas instalacións, ubicadas no concello lugués de Castro de Rei

A Xunta pon a empresa Innolact como exemplo de I+D+i no sector lácteo galego, apostando pola diversidade de produtos nun mercado cada vez máis esixente coa calidade

José Balseiros coñeceu os proxectos levados a cabo ao longo destes últimos anos grazas a axudas da Consellería do Medio Rural, como é o caso da súa planta de biogás para tratar os residuos co obxecto de producir enerxía

Innolact ten como actividade principal a produción e comercialización de queixo branco pasteurizado e queixos fundidos procedentes do leite e coprodutos da industria láctea tales como a nata e a mazada
 

Castro de Rei (Lugo), 6 de abril do 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou esta mañá en Castro de Rei a planta de Innolact S.L., dedicada á venda de produtos lácteos. Alí destacou a súa aposta pola innovación e a transformación nun sector tan estratéxico na comunidade galega.

Así, José Balseiros puxo en valor que esta empresa nacera como unha “spin-off”, destacando o traballo de investigación nun sector que ten moito futuro por diante. Neste senso, sinalou que a transformación do leite permite ás empresas abrir novos horizontes e consolidar diversos produtos nun mercado cada vez máis esixente coa calidade e o respecto ao medio ambiente.

Nesta liña, o director xeral visitou as instalacións desta planta e coñeceu os proxectos levados a cabo ao longo destes últimos anos grazas a axudas da propia Consellería do Medio Rural, como é o caso da súa planta de biogás para tratar os residuos da industria co obxecto de producir enerxía. En total, asegurou Balseiros, esta empresa fixo unha inversión de case seis millóns de euros en melloras tecnolóxicas e materiais para incrementar a súa competitividade e a súa eficiencia produtiva, con axudas de distinta índole por valor de algo máis de dous millóns de euros.

Precisamente, unha desas liñas son as achegas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, que este ano contou cun orzamento de 30 millóns de euros para melloras en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios.

Innolact S.L.


A empresa Innolact S.L. naceu no ano 2007 e ten como actividade principal a produción e comercialización de queixo branco pasteurizado e queixos fundidos procedentes do leite e coprodutos da industria láctea tales como a nata e a mazada. Ademais de comercializar os seus produtos en España, a empresa vende o 50% da súa produción no estranxeiro en máis de 30 países de Europa, África, Oriente Medio, Sudamérica, Asia e Estados Unidos.
 

Imaxes relacionadas