A Xunta concede axudas por un importe de 30.000 € para reparar dúas infravivendas no concello da Lama

Nun destes inmobles substituirase toda a carpintaría exterior e no outro, os traballos consistirán na demolición da cuberta existente para poder construír unha nova

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022

A Xunta de Galicia acaba de conceder dúas axudas por un importe total de 30.000 euros —15.000 euros en cada caso— para acometer obras de reparación e mellora en dúas infravivendas localizadas no municipio pontevedrés da Lama.

As actuacións nun dos inmobles consistirán na substitución de toda a carpintaría exterior de aluminio por portas e fiestras de PVC foliado en cor imitando madeira. Ademais, os novos elementos contarán con rotura de ponte térmico, caixón de persiana monoblock e acristalamento con vidro de dobre folla para mellorar o illamento. En canto á outra vivenda, procederase á demolición da cuberta actual para construír unha nova.

Unha vez comezadas as obras, o Concello da Lama, como solicitante e beneficiario das dúas subvencións, terá que comunicar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo a data de inicio. En ambos casos as actuacións deberán estar finalizadas antes do 24 de novembro.

A última orde de axudas para rehabilitar infravivendas no rural foi convocada o pasado 9 de febreiro e os interesados aínda poden solicitalas ata o 2 de xuño. Os inmobles obxecto da actuación poden ser propiedade dos seus moradores ou do concello, aínda que en ambos casos a axuda debe solicitala a Administración local.

A finalidade deste programa, pensado para municipios de menos de 10.000 habitantes, é facilitar o acceso a unha axuda de ata 15.000 euros para realizar obras que melloren o estado de inmobles residenciais que non reúnan as condicións mínimas de habitabilidade.

As entidades locais poden solicitar estes incentivos, por exemplo, para acometer obras de rehabilitación dos elementos exteriores da vivenda, das condicións estruturais e de seguridade, ou que incidan na súa accesibilidade, entre outras. A cambio, a vivenda resultante deberá ser o domicilio habitual e permanente da unidade de convivencia beneficiada polas obras durante un prazo non inferior a cinco anos.

Cómpre lembrar que desde a posta en marcha deste programa, a Xunta xa concedeu axudas por un importe global de 1,4 millóns de euros, contribuíndo deste xeito a mellorar as condicións de habitabilidade de 117 inmobles en toda Galicia.
 

Imaxes relacionadas