O presidente da Xunta participou este mediodía no acto de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia

Feijóo define ao Parlamento de Galicia como o templo das liberdades galegas e resalta o labor dos órganos de control

“Grazas á institución que dirixe a Valedora Dolores Fernández Galiño, e ao Consello do que é conselleiro maior José Antonio Redondo López, a cidadanía galega ten unha protección adicional”, salienta

Refírese ao Consello da Cultura Galega como un punto de encontro de épocas e mentalidades: “Reflicte que Galicia e a súa cultura son obra de todos, na que todos teñen participación e acomodo”

Recalca que a democracia debe amosar por si mesma que é o mellor sistema para blindar a liberdade e responder a todas as emerxencias, recordando que feitos como unha crise, unha pandemia e unha guerra poñen a proba a súa resiliencia

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, definiu hoxe ao Parlamento de Galicia como o “templo das liberdades galegas” e resaltou o labor dos órganos de control, sen os cales, dixo, xa non é posible concibir o exercicio do autogoberno.

“Grazas á institución que dirixe a Valedora Dolores Fernández Galiño, e ao Consello do que é conselleiro maior José Antonio Redondo López, a cidadanía galega ten unha protección adicional”, aseverou, subliñando que distinguilos coas Medallas do Parlamento de Galicia non é máis que facer oficial un recoñecemento do que xa gozan por parte do pobo galego.

Por outra banda, e en canto ao Consello da Cultura Galega, afirmou que a Cámara outórgalle a súa máxima distinción ao que é, en suma, un punto de encontro de épocas e mentalidades. “Reflicte que Galicia e a súa cultura son obra de todos, na que todos teñen participación e acomodo. Somos, en efecto, unha cultura viva que avanza e descubre novos horizontes, na que poden convivir avós e netos, sen que ningunha xeración se sinta estraña”, abundou.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Administración autonómica resaltou o amor á liberdade característico dos galegos, “sen o cal esta Cámara sería un mero monumento baleiro”, afirmou, incidindo en que os debates que se producen no Parlamento son a transposición de moitos outros que os galegos celebran ao longo da súa vida.

Feijóo concluíu resaltando que, malia algunhas aparencias, a democracia non é un sistema de goberno feble nin disfuncional, senón que responde aos anhelos máis fondos da dignidade humana e posúe a capacidade de emendar erros, de corrixir camiños equivocados e de inculcar naqueles que teñen un mandato democrático a idea de que as súas facultades son sempre delegadas e transitorias.

Non obstante, recalcou que a democracia non pode xustificarse só por oposición a aqueles que perseguen a súa liquidación: “Debe amosar por si mesma que é o mellor sistema para blindar a liberdade e responder a todas as emerxencias”, dixo, recordando que feitos como unha crise, unha pandemia e unha guerra poñen a proba a súa resiliencia.

A carón de Ucraína

O presidente da Xunta aproveitou o acto de entrega das medallas do Parlamento para, facéndose eco da solidariedade da que fai gala o pobo galego e español, expresar que Galicia síntese a carón de Ucraína.

“España e Ucraína pertencemos á mesma familia das democracias, e o que alí sucede non pode resultarnos alleo. Nin podemos ser equidistantes fronte a unha invasión que está derivando en crimes de lesa humanidade, nin practicar un falso pacifismo que lle negue ao pobo ucraíno todo tipo de axuda para defenderse lexitimamente”, sentenciou.

Imaxes relacionadas