A Xunta publica no DOG o cambio de titularidade a prol do concello da Coruña da totalidade da estrada AC-415 e do treito da AC-211 que discorre polo municipio

Transfírense 2,4 km da estrada AC-415 que coincide coa avenida de Fisterra desde a Ronda de Outeiro ata Meicende, no límite municipal con Arteixo; e o treito da AC-211 entre o límite do concello con Culleredo e A Pasaxe (N-VI)

Co cambio de titularidade o Concello terá competencia para actuar neses treitos e asumirá a responsabilidade da súa conservación e mantemento
 

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a transferencia a prol do Concello da Coruña da totalidade da estrada autonómica AC-415 e do treito da AC-211 que discorre integramente polo municipio, xunto co seu dominio público asociado.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 24 de marzo: https://bit.ly/3KhOCdJ .

O Concello da Coruña solicitou á Xunta a transferencia da titularidade dos algo máis de 2,4 quilómetros de lonxitude da AC-415, que coincide coa avenida de Finisterre desde a ronda de Outeiro ata Meicende, no límite municipal con Arteixo; e do treito da estrada AC-211, de 160 metros, entre o límite do concello con Culleredo e A Pasaxe (N-VI).

Trátase de treitos de vías autonómicas cun marcado carácter local e urbano, sen funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas de Galicia (RAEGA).

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas, formula a proposta favorable de transferencia da AC-415, que vai do punto quilométricos 0 ao 2+420; e do tramo comprendido entre o punto quilométrico 3+350 ao 3+510, na estrada AC-211.

A transferencia a prol do Concello da Coruña tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade, o Concello terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, polo tanto, desde mañá.