O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na presentación do documental ‘Concello de Curtis. Arte de emprender’

Conde subliña que a Lei de simplificación administrativa abre as portas ao investimento en Galicia, con máis garantías e menos obstáculos

Apunta que, desde o primeiro ano de aplicación desta normativa, a Xunta conseguiu rebaixar en 17 días o prazo de emisión de informes para a resolución de trámites empresariais

A Administración autonómica ten á disposición de pemes e emprendedores a Oficina Galicia Empresa para informar e asesorar sobre a tramitación de proxectos

Curtis (A Coruña), 6 de abril de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, lembrou hoxe que a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia abre as portas ao investimento poñendo as máximas facilidades e suprimindo obstáculos. Así o manifestou hoxe durante a súa intervención na presentación do documental Concello de Curtis. Arte de emprender, onde apuntou que, desde o primeiro ano de aplicación desta normativa, a Xunta conseguiu rebaixar en 17 días o prazo de emisión de informes para a resolución de trámites empresariais.

Conde lembrou, ao respecto, que se puxo á disposición de pemes e emprendedores a Oficina Galicia Empresa, para informar e asesorar sobre a tramitación de proxectos. Ademais, sinalou que esta lei recolle a figura do Concello Emprendedor -na actualidade, obtiveron esta distinción 151 municipios-, que outorga preferencia en convocatorias de axudas autonómicas a aquelas localidades que colaboren coa Xunta de Galicia na simplificación de trámites administrativos, poñendo máis facilidades de acceso a solo industrial e ofrecendo máis incentivos fiscais para captar novos investimentos.

O vicepresidente económico salientou que no momento actual o mellor que pode ofrecer unha Administración é actuar con compromiso e responsabilidade para acompañar as necesidades do tecido empresarial.

Nese sentido, Galicia anticipouse ao Goberno cun plan de apoios para os sectores máis afectados e as familias que recolle, entre outras medidas, axudas específicas para o sector agrogandeiro, como o anticipo das axudas da PAC; dúas liñas de incentivos financeiros que suman 70M€ e coas que se poderán mobilizar 140 millóns entre o tecido empresarial; e 128M€ en axudas ao longo deste ano para promover a eficiencia enerxética en fogares e empresas. Unha delas é o Bono Enerxía Peme, cuxo prazo de solicitudes está aberto desde hoxe co obxectivo de reducir o consumo enerxético no comercio, a hostalería e as pequenas e medianas empresas en xeral.

Imaxes relacionadas